INSTITUCIONAL
O acto de recoñecemento a Rubén Cela como portavoz municipal congregou máis de 160 persoas do tecido asociativo e político
Santiago de Compostela, 21 de setembro de 2019.- O BNG organizou un acto de recoñecemento a Rubén Cela, que foi portavoz municipal de 2011 a 2018, polo seu labor realizado no Concello de Santiago en contacto permanente co asociacionismo veciñal, social e cultural.
Máis de 160 persoas participaron neste evento celebrado no Gran Hotel Os Abetos, entre as que estiveron máis de 30 representantes do asociacionismo compostelán, funcionarios/as municipais, familiares, amizades e integrantes da Executiva nacional, militantes e simpatizantes do BNG.
Ao inicio do evento proxectouse un vídeo a xeito de percorrido polo traxectoria de Rubén Cela tanto no Pazo de Raxoi como na actividade política do BNG nos últimos 8 anos en Santiago de Compostela, con intervencións políticas e algunhas das imaxes máis destacadas.
O agasallo colectivo foi unha escultura de Castelao, a tamaño natural, creada para a ocasión pola artesá Antía Ferrer Lendoiro. Ao remate actuou Vu-du, un grupo que foi gañador do Premio Martín Codax na categoría categoría blues/funk/soul e do Premio Opinión e que está integrado por Maritxinha, Belem Tajes e Bruno Couceiro.
Nas intervencións, Goretti Sanmartín, actual portavoz municipal, destacou que Rubén Cela é “unha persoa nova e con experiencia, con capacidade de diálogo, que traballa con seguranza, rigor, honestidade e bo humor”, ao que lle recomendou “coller forzas porque ten un futuro político por diante”. A responsábel comarcal e ex-concelleira, Elvira Cienfuegos, recoñeceu que Rubén Cela “dedicou todo o tempo necesario para os temas municipais, para atender todas as persoas e colectivos que requirían unha solución a cada problema de Santiago que lle expoñían; sempre cun sorriso, con empatía, boa disposición e xenerosidade”, ademais de destacar o seu sentido da responsabilidade para desenvolver o proxecto político do BNG no ámbito municipal.
En representación do asociacionismo interveu Alberto Chenel, da asociación veciñal da Gracia, quen dixo que “Rubén Cela era o concelleiro que mellor coñecía o concello”, ademais de sinalar “que desde os colectivos sempre atopamos nel o compromiso, diálogo e solidariedade”. “Rubén Cela é un exemplo de capacidade para chegar a acordos polo ben común da veciñanza de Santiago de Compostela”, afirmou.
A portavoz nacional Ana Pontón lembrou os seus inicios en política xunto a Rubén Cela, tanto en Galiza Nova como nos CAF, e explicou que ademais dun gran amigo é “unha persoa emprendedora, de gran corazón que aínda ten que darlle moito a este país no ámbito político”.
Rubén Cela é licenciado en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela e traballou no ámbito da consultaría privada. É especialista en Dereito Tributario. Milita no nacionalismo desde os 16 anos e participou nos Comités Abertos de Estudantes, nos Comités Abertos de Facultade (CAF) e en Galiza Nova, da que foi secretario xeral. Ademais, foi director xeral de Xuventude da Xunta de Galiza e portavoz municipal do BNG no Concello de Santiago. Na actualidade é responsábel de Relacións Internacionais na Executiva do BNG e presidente da Fundación Galiza Sempre.