PLENO

O BNG defenderá no Pleno que a Xunta constrúa o novo edificio da Escola Oficial de Idiomas

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

As condicións actuais incumpren o decreto das ensinanzas de idiomas ao carecer do espazo e recursos necesarios

O BNG defenderá no Pleno que a Xunta constrúa o novo edificio da Escola Oficial de Idiomas

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019.- O  BNG presentará unha moción no Pleno de setembro destinada a trasladarlle á Xunta a demanda de incluír nos Orzamentos de 2020 a construción do novo edificio da Escola Oficial de Idiomas, ante as carencias que presentan as actuais instalacións.

Desde o ano 2012, o Concello puxo a disposición da Xunta unha parcela de 6.200 m2 no barrio de Santa Marta para construír a nova Escola Oficial de Idiomas. Segundo datos facilitados polo propio centro, nos últimos cursos hai inscritas unha media de 1.100 persoas de matrícula libre e 3.900 na matrícula oficial, o que provoca que 700 estudantes teñen que se desprazar ás instalacións de Sar.

Santiago de Compostela é unha cidade universitaria, con alta afluencia de turismo estranxeiro e cabeceira de comarca. Mais por esta carencia de espazo na Escola Oficial de Idiomas, só se poden impartir sete linguas, cando hai demanda de chinés, de xaponés, de ruso, de árabe que non se poden ofrecer.

Ademais, as condicións actuais deste centro incumpren o decreto 81/2018 de 19 de xullo de 2018 das ensinanzas de idiomas de réxime especial en Galiza, que determina as características das instalacións e recursos docentes. Así, evidénciase a falta de sala multimedia de 120 metros cadrados con 30 postos informáticos fixos conectados en rede; sala de usos múltiples de, como mínimo, 100 postos, con acústica, acondicionamento técnico e escenario apropiados para diversas actividades; illamento acústico das aulas e o feito de non estar nun único edificio habilitado.

Segundo lembrou Goretti Sanmartín, o 19 de outubro de 2017 aprobouse no Pleno unha declaración institucional para reclamarlle á Xunta a construción do novo edificio da Escola Oficial de Idiomas e, por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicitará do Pleno da Corporación municipal o acordo para que a Xunta inclúa nos Orzamentos de 2020 a construción do novo edificio da Escola Oficial de Idiomas, ante as carencias que presentan as actuais instalacións.

O BNG defenderá no Pleno que a Xunta constrúa o novo edificio da Escola Oficial de Idiomas