COMERCIO

Ana Pontón: “Os gobernos do BNG comprométense a apoiar o pequeno e mediano comercio”

comercio
Ana Pontón e Goretti Sanmartín, no comercio 'Espadela' da rúa do Vilar

Presenta unha campaña con Goretti Sanmartín de apoio ao comercio de proximidade con reparto de colantes para agasallos

Ana Pontón: “Os gobernos do BNG comprométense a apoiar o pequeno e mediano comercio”

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2018.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a portavoz municipal de Santiago, Goretti Sanmartín, presentaron unha campaña de apoio ao pequeno comercio na rúa do Vilar, onde se sitúan moitos estabelecementos emblemáticos de Compostela, para apostar pola venda de produtos en galego e facer un chamamento “a un consumo ético e responsábel nestas datas”. “Temos o compromiso de que os gobernos do BNG que saian das vindeiras eleccións municipais apoiarán o pequeno e mediano comercio”, anunciou Ana Pontón.

Para Goretti Sanmartín é fundamental apoiar o pequeno comercio de proximidade fronte ás grandes superficies de capital foráneo que provocan a desertización no centro das vilas e das cidades e, “no caso de Santiago, o monocultivo de souvenirs”. “Entendemos que o comercio de proximidade dá riqueza, xera emprego e ofrece un tratamento personalizado e, ademais, no caso da Cidade histórica serve para fixar poboación e que haxa máis persoas residentes”, explicou.

Os problemas relacionados coa crise e as grandes superficies provocaron a desaparición de moitos comercios emblemáticos. Fronte a iso, puxo como exemplos Espadela, na rúa do Vilar, “un comercio de roupa e de alfaias que ten xa 25 anos, como o Airas Nunes, mais outros non resistiron como as librarías González e Gali, ou o bazar Villar, do mesmo xeito que no Ensanche non chegaron a cumprir os 25 anos Mobles Maday con esa grande presión das grandes superficies”. Hai comercios emblemáticos que cómpre protexer desde o Concello, dixo, “como a sobreirería ou a mercería Algui que fixo 70 anos, ademais de axilizar as licenzas para comercios diversos, de dotar de servizos como fibra óptica para poder asentarse e de crear prazas de aparcadoiro próximas”. Lembrou o incumprimento do acordo con Compostela Aberta para crear un aparcadoiro público no campus sur, que dea servizo ao comercio do Ensanche.

Así, fixo un chamamento para que a xente merque no comercio de proximidade produtos etiquetados en galego, libros, discos e xoguetes non sexistas con contido educativo, “que nos diferencian e dan identidade propia”.

Pola súa parte, Ana Pontón, considerou que “a aposta polo pequeno comercio é estratéxica para Galiza”, nos últimos anos houbo unha crise que arrasou numerosos comercios e de feito hai estatísticas que revelan que “pecharon 3 comercios ao día no noso país e fronte a iso botamos en falta unha política real de apoio por parte da Xunta”. “En 2018, a Xunta do PP dedícalle a metade de fondos que en 2009 ao pequeno comercio”, dixo, nun contexto con maior competencia das áreas comerciais que precarizan o emprego e están en mans de grandes transnacionais e apostan pola comercialización de moitos produtos que vetan vías de comercialización para o produto galego.

Reclamou, neste sentido, un cambio de rumbo nas políticas de comercio, “como un imposto ás grandes superficies que permita usar eses recursos ao pequeno e mediano comercio; duplicar o apoio económico para difundir produtos a través da venda online ou de animar e concienciar a poboación de que saímos gañando cando consumimos no comercio de proximidade”.

Son medidas que tamén se poden seguir desde o ámbito municipal, explicou, pois “os concellos gobernados polo BNG destacan no apoio ao pequeno e mediano comercio” con exemplos como Pontevedra, Tomiño, Bueu ou Carballo onde supón un elemento de cohesión social, de vitalidade que dinamiza desde o punto de vista económico e de creación de emprego.

Ademais, a portavoz nacional trasladou, en nome do BNG, as condolencias e afecto ás familias e amizades das persoas que perderon a vida nas traxedias no mar “que seguro que están a pasar uns momentos moi duros”, en referencia aos naufraxios de Fisterra e Malpica “Sen Querer II” e “Silvosa”.

Ana Pontón: “Os gobernos do BNG comprométense a apoiar o pequeno e mediano comercio”