PLENO
O BNG preguntará no Pleno polas medidas para avanzar no obxectivo de reciclar o 50% dos residuos antes de 2020
Na actualidade só se recicla o 11% segundo os datos de Sogama
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2018.- O BNG formularalle ao Goberno local de Compostela Aberta unha pregunta oral no vindeiro Pleno sobre as medidas que ten previsto adoptar para avanzar no obxectivo de reciclar o 50% dos residuos antes de 2020, como marca a normativa, cando na actualidade só se recicla o 11%
Este obxectivo aparece na Lei 22/2011 de Residuos que di que antes de 2020 a cantidade de residuos domésticos e comerciais destinados á preparación para a reutilización e a reciclaxe para as fraccións de papel, metais, vidro, plástico, biorresiduos e outras fraccións reciclables deberá alcanzar, en conxunto, como mínimo o 50% en peso.
Mentres na UE, de media, o 45% destes residuos se reciclan, o Estado español está no 29%, Portugal no 34% e Galiza no 11% De acordo coa normativa comunitaria, en 2025, todos os países membros da UE deberán reciclar cando menos o 55% dos residuos municipais e en 2035 a porcentaxe debe chegar ao 65%
A reciclaxe é un dos factores fundamentais para favorecer a economía circular e reducir o consumo de materias primas; Xunta e Concello teñen as competencias executivas e de xestión de residuos. “Coa reciclaxe, as materias primas dos envases volven reutilizarse nun exercicio de sustentabilidade e de economía circular”, sinalou Goretti Sanmartín. “Para facelo posíbel, é de vital importancia o labor da industria, da hostalaría e das administracións públicas, mais son as persoas quen a poñen en funcionamento”, engadiu. Ese aceno de separar o lixo en cada vivenda ou no posto de traballo supón “un compromiso de moito valor co medio ambiente e co desenvolvemento social sustentábel”.
Por estes motivos, o BNG preguntará no Pleno cal é a porcentaxe de reciclaxe actual dos residuos domésticos xerados na cidade de Santiago de Compostela, integrada no modelo Sogama, e que medidas ten previsto adoptar o Goberno de CA para avanzar no obxectivo de reciclar o 50% deses residuos antes de 2020.