PROXECTOS

Goretti Sanmartín fai balance de fin de ano e salienta investimentos da Deputación no concello

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Destaca os proxectos da Casa das Máquinas, a senda peonil de Figueiras a ludoteca das Fontiñas e a compra do legado de Carlos Maside

Goretti Sanmartín fai balance de fin de ano e salienta investimentos da Deputación no concello

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2018.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, anunciou diversos proxectos que, grazas á Deputación da Coruña, verán a luz proximamente en Santiago de Compostela como a Casa das Máquinas, a senda peonil de Figueiras ao Pedroso, equipamentos para o rural, a ludoteca das Fontiñas “María Miramontes”, o legado de Carlos Maside e numerosas subvencións para fortalecer o tecido asociativo.

Lembrou que o grupo municipal do BNG levou diversas iniciativas a Pleno para a rehabilitación da Casa das Máquinas, unha demanda veciñal da Plataforma de Galeras, co obxectivo de convertela nun centro multiusos. Neste sentido, avanzou que o Pleno da Deputación da Coruña vai aprobar este venres o proxecto de modificación para rehabilitar o edificio da Casa das Máquinas, un exemplo de arquitectura industrial, que pode pasar a ter ese uso sociocultural importante para o barrio de Galeras. O investimento será de 200.000 euros.

Nese Pleno da Deputación tamén se vai aprobar a senda peonil que vai conectar Santiago con Figueiras, por cuestións de seguranza, “cun percorrido de 2,5 km e máis de 750.000 euros para botar pavimento ao arcén dereito de tal maneira que pase de 0,5 m que mide na actualidade a 2,80 m, un metro de beiravía e 1,80 de senda peonil”. “É o inicio dun proceso para gozar a xente que pasea até o Pedroso ao tempo que se dá servizo á veciñanza de Bar de Abaixo, As Moas, Figueiras para gañar seguranza viaria”, explicou.

Outras licitacións relativas ao rural que se aprobarán son a mellora dos equipamentos deportivos e sociais de Figueiras, a través do POS do Plan Único da Deputación co que o Concello de Santiago recibiu 2.104.943 euros en 2018, unha cantidade importante para mellorar as condicións de vida da veciñanza do rural. Aí están tamén o edificio multiusos da Lavacolla, a cuberta da pista deportiva de Verdía e o acondicionamento da contorna do centro sociocultural da Gracia.

“Outras das iniciativas importantes é conseguir abrir o espazo educativo e de lecer das Fontiñas, que vai levar o nome de María Miramontes”, dixo. Este proxecto que inicialmente promovera a concelleira do BNG Elvira Cienfuegos, “agora vai ser unha realidade coa achega da Deputación, co obxectivo de realizar actividades de conciliación, de lecer, de fomento da lectura, do xogo para crianzas de até 12 anos”. Ten un investimento de 83.000 euros da Deputación nun convenio que foi aprobado en novembro de 2018.

Do mesmo xeito que o legado de Carlos Maside, mediante un convenio da Deputación da Coruña co Consorcio de Santiago, cunha achega de 215.000 cada parte, vai ser unha realidade para a súa exposición primeiro en Fonseca, “nun espazo cedido provisionalmente pola propia Universidade mentres non se busca a localización definitiva, que debe ser un espazo céntrico que lembre a rúa do Vilar onde tivo o seu estudo Carlos Maside”.

Goretti Sanmartín deu conta tamén, a modo de balance, doutros convenios e liñas de subvencións para a actividade do Auditorio de Galiza, as actividades dos centros socioculturais, a Súper Copa de Baloncesto, Cineuropa, Cortocircuíto e a todo o tecido asociativo e cultural, desde ANPA, veciñais e culturais, Fundación Granell, Fundación Torrente Ballester, Museo do Pobo Galego, proxectos audiovisuais e grupos de danza tradicional e de canto, entre outros.

Goretti Sanmartín fai balance de fin de ano e salienta investimentos da Deputación no concello