ELECCIÓNS
Ana Pontón: “Goretti Sanmartín será a primeira alcaldesa de Santiago e o BNG obterá un resultado histórico no 28M”
“Con este equipo, o BNG liderará un goberno cun proxecto transformador na capital de Galiza”, afirma a candidata Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2023.- A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, presentaron o primeiro tramo da listaxe ás eleccións municipais, que definiron como “un equipo preparado para gobernar este concello, que lle pon o rostro e a voz a un proxecto transformador para esta cidade”. “Goretti Sanmartín será a primeira alcaldesa de Santiago e o BNG obterá un resultado histórico no 28M”, afirmou Ana Pontón durante o acto celebrado á beira da escultura do exalcalde Ánxel Casal.
“Son persoas co corazón en Compostela e capacidade para xestionar os retos de Santiago nos próximos catro anos e preparar un futuro de ilusión e esperanza”, indicou Goretti Sanmartín. Ademais de Goretti Sanmartín, seguen na listaxe Míriam Louzao, Xesús Domínguez, Pilar Lueiro, Manuel César, Iago Lestegás, Saleta Chao, Xavier Castro, Marisa Gil (independente), Alexandre Garrido, Sandra López, Lucía Carreira, Lois Calvelo, Concha de la Fuente e Fernando Lacaci (independente).
Así, explicou que son persoas de profesións de especial relevancia nun goberno municipal, como as de economista, avogado, arquitecto ou educadora familiar, “persoas con presenza no activismo nos barrios, coñecidas persoas con longa traxectoria no BNG xunto con outras que se incorporaron hai pouco e traen toda a enerxía para participar neste proxecto aberto, e mesmo persoas independentes, que non militan no BNG e queren sumar na defensa deste modelo de facer política municipal”.
Goretti Sanmartín afirmou sentir “un grande orgullo e todo o entusiasmo con esta listaxe”. “Se é unha honra representar o BNG no Concello de Santiago, aínda é máis sorte ter o privilexio de encabezar unha candidatura con persoas con ganas de todo, con amor por Compostela, con experiencias profesionais interesantísimas, que dan un paso adiante e deciden comprometerse nun proceso transformador, un grupo plural, aberto e cohesionado, que responde ás necesidades de Compostela e é garantía de futuro”, explicou, porque é o mellor equipo para gobernar Compostela, que vai traballar para axilizar as licenzas, dinamizar a economía local, mellorar os servizos públicos, fomentar a participación social e conseguir unha cidade accesíbel para gañar calidade de vida.
Fican menos de catro meses para as eleccións do 28 de maio e este é o tempo do BNG a nivel galego, pois Ana Pontón rematará coa hexemonía do PP e será a alternativa que Galiza precisa para ter esperanza. “Nese camiño hai unha parada anterior, moi importante e fundamental para a veciñanza compostelá: o BNG liderará un goberno na capital de Galiza, estamos preparadas para dar ese salto”, sinalou.
Pola súa parte, Ana Pontón afirmou que “con Goretti Sanmartín temos a mellor candidata e o que se ve é que temos o mellor equipo, un equipo preparado para gobernar, unha candidatura que está pensada para poder poñerse a traballar se os veciños e veciñas de Compostela nos dan a súa confianza o próximo 28 de maio, para liderar o próximo goberno da cidade de Compostela”. Trátase dun equipo “preparado, capacitado, compacto e pensado para gobernar a cidade e darlle un novo rumbo a Santiago de Compostela”. Esta é unha cidade cun enorme potencial, proseguiu, e a capital de Galiza ten enormes valores “para poder saír adiante neste momento, porque é certo que se necesita un cambio de rumbo”.
Recuperar Santiago para a veciñanza
Lembrou que Compostela durante os últimos 12 anos “tivo gobernos do PP, gobernos da Marea e gobernos do Partido Socialista nesta última etapa e, se ben foron gobernos distintos, todos demostraron que non teñen un proxecto de futuro para esta cidade que estea á altura dun momento no que se están producindo grandes cambios e transformacións, polo que é o momento de probar algo diferente se queremos resultados distintos, a alternativa clara é o BNG”. “Temos un proxecto de cidade, transformador, vangardista, un proxecto que pon ás persoas no centro, que quere que Santiago de Compostela sexa unha capital cultural pero que tamén aproveitemos todo o coñecemento e innovación das empresas da contorna e o feito de ter unha Universidade tan importante como é a de Santiago de Compostela”, engadiu. Dende logo, unha cidade que mire ás transformacións que se necesitan neste momento, “temos que recuperar Santiago de Compostela para a veciñanza, temos que pensar que modelos e turismo queremos para o futuro, un modelo que ten que ser desestacionalizado e onde aproveitemos todo o potencial e capacidade que hai en Galiza”, engadiu.
En definitiva, dixo, “estamos nun momento en que no BNG temos un moi bo pálpito, estamos convencidos e convencidas de que somos a alternativa en Santiago de Compostela e que imos facer historia precisamente conseguindo que Goretti Sanmartín sexa a primeira alcaldesa na historia desta cidade, e do BNG”. “Este é o cambio que necesita Compostela e estou convencida de que imos ser capaces de levalo adiante”, engadiu.
Como veciña desta cidade, indicou, percibe moi boas vibracións, que hai moitas expectativas entorno ao BNG. “Nós non nos autolimitamos, non nos poñemos límites, dende logo, imos a por todas”, afirmou, “convencidos e convencidas de que en Santiago hai moitísimo por facer, que se precisa un cambio transformador, unha alternativa como a que representa o BNG que sexa capaz de aproveitar todo o potencial desta cidade e que sexa capaz de recuperar ese orgullo picheleiro”. “Todos os veciños e veciñas de Compostela necesitan e senten que é necesario darlle un cambio de rumbo a esta cidade e o BNG con Goretti Sanmartín á fronte é a alternativa”, sinalou.
Ademais, aproveitou para condenar enerxicamente o crime machista dunha muller de 44 anos, en Baiona. “É un novo asasinato machista que nos indigna, que nos enche de ira e que nos recorda que é fundamental que haxa máis medios e máis recursos para axudar as mulleres en situación de violencia de xénero; é fundamental que traballemos na educación e na concienciación porque ese é o camiño para construír unha sociedade sen machismo”, indicou. Para o BNG é urxente illar eses discursos negacionistas que lle dan ás a quen asasina. “Dende logo, hoxe é un día triste para Galiza e queremos tamén acompañar a tremenda situación da familia da vítima e temos que acompañar os seus fillos, familia e amizades porque é momento triste e duro e no que queremos que a condena ao machismo sexa unánime no País”, afirmou.