28M
Ana Pontón pide aglutinar en Goretti Sanmartín todo o voto das persoas que queren cambio en Santiago “votasen o que votasen antes”
“Imos a por todas para liderar esta cidade que estou segura terá por primeira vez unha alcaldesa do BNG para abrir un tempo novo”, destacou
Goretti Sanmartín: “Estou preparada para gobernar Santiago cun grande equipo”
Apela a mocidade a encher as urnas de papeletas BNG para defender os seus ideais de concellos sustentables, feministas, inclusivos e sociais
Santiago de Compostela, 26 maio 2023.- A portavoz nacional, Ana Pontón, arrincou en Santiago coa candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, a última xornada de campaña que a levará tamén a Pontevedra e que concluirá co mitin central na Coruña. Na capital do País, compareceu na praza do Obradoiro que acolle a sede do Executivo municipal para subliñar, tamén simbolicamente, que o BNG vai a por todas este 28M para liderar a cidade.
“Este 28 de maio Santiago vai facer historia e Goretti Sanmartín vai ser a próxima alcaldesa de Compostela, a primeira muller en coller o bastón de mando nesta cidade, abrindo un tempo novo, de ilusión e de futuro, -destacou-, Goretti vai ser a alcaldesa capaz de construír un Santiago en grande, un tempo novo para que a cidade se prepare para os grandes retos de presente e de futuro”.
E para iso, apelou ao voto de toda a veciñanza que quere cambio, “votase o que votase noutras ocasións, este 28M pídolle que sume no BNG, que concentren na candidatura de Goretti o voto das persoas que queren máis para Santiago, unha urbe máis habitable, máis pensada para as persoas, máis verde, con máis cultura, feminismo e inclusión, con máis oportunidades. Somos a garantía de que imos abrir un tempo novo de ilusión e de esperanza e imos deixar atrás a apatía destes últimos anos. É o momento do BNG”, recalcou.
Pontón fixo un chamamento especial á mocidade, “que quere vivir nesta cidade e facer realidade os seus soños en Compostela: a súa papeleta é a do BNG e imos estar coa xente moza para facer desta unha cidade na que poder vivir, sen ser expulsados e expulsadas; pedirlles que se mobilicen, que enchan as urnas de papeletas do Bloque porque precisamos a forza do seu voto para facer historia e construír un Santiago tamén para mocidade”.
“A toda as persoas que queredes máis para Santiago, quero dicirvos que a vosa opción é Goretti Sanmartín, e por iso pídovos o voso voto para facer historia nesta cidade”, proclamou.
Pola súa parte, Sanmartín afirmou "estar preparada para gobernar desde a Alcaldía, para que en Santiago de Compostela por vez primeira haxa unha alcaldesa cun resultado histórico", e lembrou que o BNG xa obtivo un resultado extraordinario nas eleccións galegas nas que deu o sorpasso ao PSOE co dobre de votos.
“Pedimos sumar no BNG fronte á decepción e a inercia para construír un goberno que teña as persoas no centro, para que non haxa cidadáns e cidadás de primeira e de segunda, para ter un Goberno que teña a co-participación como elemento fundamental das decisións, para conseguir unha profunda transformación urbana e para termos unha capital verde europea”, subliñou a candidata.
"Pídolle a todas as persoas indecisas, que non saiban a quen votar, que nos dean unha oportunidade ao BNG de Santiago de ter a responsabilidade da Alcaldía, que estamos ante un momento histórico de ter unha oportunidade para facelo cunha alcaldesa e cun equipo preparado. Non imos defraudar", concluíu.