Ana Pontón pide facer historia concentrando en Goretti Sanmartín todo o voto das persoas que queren un cambio real en Santiago
Ou un alcalde do PP ou unha alcaldesa do BNG, recalcou, pedindo o apoio da cidadanía que xa votou Bloque nas pasadas eleccións galegas
Goretti Sanmartín avoga por un modelo turístico de calidade para a cidade “e nada mellor para iso que incrementar a calidade de vida da veciñanza”
Santiago de Compostela, 16 maio 2023.- A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou xunto coa candidata á Alcaldía, Goretti Sanmartín, o modelo turístico que o BNG ten para Santiago apostando pola calidade e polo feito diferencial de ser a capital de Galiza nun acto no que a líder do Bloque deixou claro que o 28M só hai dúas alternativas, PP ou BNG. Por iso, convidou a todas as persoas que queren abrir un tempo novo en Compostela a concentrar o voto na que, está convencida, será a próxima alcaldesa desta cidade.
“Porque hoxe só hai dúas alternativas: BNG ou PP, facer historia e que Santiago teña por primeira vez unha muller alcaldesa liderando a cidade, ou volver a un PP cuxo paso polo goberno municipal foi letal para Compostela”, sintetizou Pontón, que se mostrou segura de que hai unha maioría de veciños e veciñas que queren “unha alcaldesa que ten o seu corazón nesta cidade, con liderado, con capacidade con e enerxía para enfrontar os retos que Santiago ten por diante”.
Por iso, Pontón fixo un chamamento a toda a veciñanza que quere un cambio real “a concentrar todo o voto no BNG, sumar todo o voto de cambio real na candidatura que encabeza Sanmartín porque representa a alternativa para darlle futuro a esta cidade”.
“Dicirlles a todas esas persoas que queren abrir un tempo novo en Santiago que a súa opción é Goretti, a alcaldesa que esta cidade necesita para saír da rutina e volver a ilusionarse cun futuro mellor”, reiterou, ao tempo que facía unha apelación directa ás veciñas e veciños que xa votaron BNG nas pasada eleccións galegas.
“Quero pedirlles que repitan esa confianza porque neste momento a papeleta que representa a alternativa ao PP e que pode devolverlle a ilusión a Santiago é a que encabeza Goretti Sanmartín.
No acto o BNG explicou a súa alternativa turística para a cidade que a candidata definiu como un modelo de turismo consciente, sustentábel, de calidade e inclusivo.
“Precisamos dun turismo de maior valor engadido e menos impacto para a cidade, que sexa sustentábel, pois é unha das principais fontes de ingreso do noso concello e, por iso, traballaremos por un turismo de calidade que xere postos de traballo con continuidade no tempo, que non deteriore o noso patrimonio nin dane o noso medio, que reverta en poñelo en valor difundindo esta riqueza que posuímos”, explicou.
Iso significa unha maior información en orixe sobre Compostela onde se incida nun amplo abano de tipoloxía de turismo e na idea de manter unha cidade viva, para o que é imprescindíbel garantir o descanso da veciñanza que tamén debe ter os servizos básicos cubertos. Nesta liña, “mellorar a calidade de vida das persoas que residen na cidade histórica é o mellor que podemos facer”, destacou. Entre as medidas, propuxo declarar a cidade histórica zona saturada de tendas de souvenirs.
Desestacionalizar e diversificación
Para o BNG, o futuro do sector pasa por unha maior profesionalización, diversificación, deslocalización, desestacionalización e o aumento do gasto medio, para se converter nun sector económico capaz de xerar riqueza e postos de traballo de calidade. Tamén propón mellorar os instrumentos de gobernanza, como o Consello Municipal de Turismo, ao tempo que INCOLSA non está a servir como ferramenta de potenciación de novas estratexias.
Tamén se propón un plan dialogado co sector para a difusión de paquetes de viaxes que inclúan noites de hotel, comidas, espectáculos, roteiros guiados e visitas a museos e espazos naturais, para procurar un turismo de calidade de especialización temática e non de masificación.
SantiagoCard e turismo inclusivo
Ademais, Sanmartín avoga por crear a SantiagoCard, unha tarxeta que promova visitas a museos, actividades culturais, uso do transporte público e tren turístico.
“Impulsaremos un programa de turismo accesíbel para que as persoas con diversidades funcionais poidan gozar de roteiros, visitas e actividades para coñecer Santiago con guías especializadas e inclusivas, de acordo co asociacionismo e colectivos deste ámbito social”, explicou. Avanzou medidas como sinalizar os monumentos e as rúas da cidade histórica para persoas invidentes, ademais de audio para percibir a descrición da arquitectura.
Sinalou que o BNG está a favor da taxa turística, que debe utilizarse para resolver problemas reais que melloren a propia experiencia turística.
Outras propostas do modelo turístico para a cidade: consolidar a imaxe de marca de Santiago como capital de Galiza, cunha oferta turística e cultural diferenciada, con proxección universal. De feito, o BNG contempla Compostela como a gran plataforma de distribución da cultura galega no mundo, dun País con lingua propia e cun valiosísimo patrimonio, porque o cultural ten que ter un lugar privilexiado nun turismo de calidade.
En definitiva, promover un turismo consciente baixo a máxima de "se é bo para quen vive, é bo para quen visita".