CAMPAÑA

Goretti Sanmartín abrirá as portas do Concello á participación social

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín
“Para o BNG é fundamental fomentar e apoiar o asociacionismo”, explica
Goretti Sanmartín abrirá as portas do Concello á participación social

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2023.- Goretti Sanmartín, candidata do BNG á Alcaldía de Santiago, comprométese a abrir as portas do Concello ao diálogo, á participación e á transparencia, coa activación dos consellos de participación cidadá, para tomar as decisións estratéxicas contando coa veciñanza e vinculando as administracións como lle corresponde á capital de Galiza.

“Queremos implicar a veciñanza no proxecto de transformación do concello de Santiago de Compostela porque ten que ser colectivo, desenvolvido man a man entre todos os axentes implicados, as persoas, as entidades e o propio concello”, explicou a candidata. “Confiamos na participación cidadá, na enerxía colectiva, no potencial dinamizador e transformador da iniciativa social para aplicar o noso modelo de concello”, engadiu. Por iso é fundamental a creación de novos espazos para a relación social e a convivencia, porque é aí onde se xeran as iniciativas colectivas que impulsan un concello dinámico, integrador e con enerxía social.

A coparticipación e a corresponsabilidade na toma de decisións serán eixos sobre os que se asentará a acción de goberno, tanto no ámbito urbano como rural de Compostela, fortalecendo o movemento asociativo de maneira que xere proxectos autónomos e incremente ao tempo a súa relación co Concello.

O BNG asume o compromiso de implementar e activar novos mecanismos de participación tanto no nivel sectorial como territorial, coa dinamización dos consellos de participación que ficaron esquecidos na última década e coa posta en marcha doutros novos cunha revisión do regulamento para favorecer a súa utilidade, regularidade, representatividade e interese social.

Tamén se compromete a garantir a participación consultiva dos consellos sectoriais na definición dos plans de axudas, orzamentos e no deseño dos pregos de cláusulas de contratación desas áreas. O BNG aplicará un novo modelo de orzamentos participativos para os investimentos nos barrios, cultura, lingua, educación e servizos sociais. Ademais, Goretti Sanmartín deseñará un plan plurianual de infraestruturas e melloras necesarias nos distintos barrios e parroquias coa intervención e decisión directa do Consello de Relacións Veciñais na priorización dos investimentos.

Outra das propostas nesta materia é trasladar publicamente os proxectos de obras públicas á veciñanza afectada, de xeito que teñan coñecemento efectivo das súas características así como do seu cronograma de execución, garantindo dese xeito a participación veciñal para minimizar as molestias derivadas da realización das obras e optimizar o resultado final. Para o BNG é fundamental fomentar o asociacionismo, primar as iniciativas conxuntas das entidades da cidade e actividade dirixida a favorecer o intercambio, cooperación e afortalamento do tecido asociativo.

Goretti Sanmartín abrirá as portas do Concello á participación social