CAMPAÑA

Goretti Sanmartín: “Conseguiremos que a mellora da accesibilidade sexa unha prioridade no próximo goberno de Santiago”

Visita a Cogami
Visita a Cogami
Defenderá a reserva de solo industrial nos polígonos para a instalación de centros especiais de emprego e de empresas de economía social para favorecer a creación de emprego das persoas con diversidades funcionais
Goretti Sanmartín: “Conseguiremos que a mellora da accesibilidade sexa unha prioridade no próximo goberno de Santiago”

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2023.- A candidata Goretti Sanmartín, acompañada de Míriam Louzao e de Pilar Lueiro, visitaron a sede de Cogami, para presentarlles as iniciativas do BNG que se van desenvolver a partir do 28M co BNG na Alcaldía de Santiago e tamén para recoller as súas propostas no ámbito da accesibilidade e inclusión laboral de persoas con diversidades funcionais.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, o BNG comprométese a buscar solucións aos problemas de mobilidade existentes para as persoas con diversidades, a comezar pola accesibilidade universal, para garantir o dereito de todas as persoas a usar transporte público e pasear pola cidade “porque é un valor que repercute en toda a sociedade”.

Será prioridade para o BNG avanzar en políticas de mobilidade que inclúan a accesibilidade no espazo público desde unha perspectiva integral a través da supresión das barreiras arquitectónicas e sensoriais que impiden ou dificultan os desprazamentos, incidindo moi directamente na calidade de vida das persoas.

Ademais, o BNG promoverá un programa de dotación de ascensores, accesibilidade universal en edificios e nas novas obras públicas, ademais de planificar un programa de accesibilidade con rebaixes de beirarrúas nos pasos de peóns, pintado de novos pasos de peóns e instalacións de marquesiñas de autobús con información máis lexíbel. Así, anunciou a instalación de ascensores e rampas mecánicas en lugares como a Almáciga, Batalla de Clavijo ou nas escaleiras do Aturuxo.

“Non ten sentido que se realicen grandes investimentos en obras públicas como as dos Concheiros, que non cumpren en accesibilidade para persoas cegas, nin nas obras de Laraño”, indicou.

Do mesmo xeito, favorecerá a existencia de maior número de eurotaxis funcionando e que os taxis adaptados sexan unha realidade na capital de Galiza e que garantan este servizo a persoas con diversidade funcional.

En canto á vivenda, esixirá unha reserva de fogares adaptados nas novas promocións de obra protexida, explicou.

Tamén defenderá a reserva de solo industrial nos polígonos para a instalación de centros especiais de emprego e de empresas de economía social, co fin de mellorar a capacidade de inserción laboral das persoas en situación de busca de emprego, como unha maneira de combater a fenda de xénero tamén existente neste colectivo.

Goretti Sanmartín: “Conseguiremos que a mellora da accesibilidade sexa unha prioridade no próximo goberno de Santiago”