CAMPAÑA
Goretti Sanmartín: “A proxección da cultura será un eixo fundamental co BNG na Alcaldía de Santiago”
Nun acto ante máis de 50 representantes do sector cultural compostelán participaron tamén Míriam Louzao e Xavier Castro, da candidatura
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2023.- Máis de 50 persoas do ámbito do teatro, da música, do cine, da danza, da pintura, do audiovisual e da literatura xuntáronse na Sala Riquela nun acto organizado polo BNG onde se expuxeron as liñas fundamentais do programa que porá en marcha Goretti Sanmartín partir do 28M desde a Alcaldía de Santiago de Compostela “para recuperar a posición de vangarda, de referencia e de internacionalización da cultura galega desde a capital do país”. “A partir do 29 de maio a cultura será un eixo fundamental co BNG na Alcaldía de Santiago”, afirmou a candidata.
Para iso, comprometeuse a potenciar as infraestruturas necesarias, coa mellora dos circuítos e das programacións e cunha aposta pola creatividade artística local e a investigación. Para iso, a administración ten que estar á beira da cultura en Santiago “porque ten enormes potencialidades e o BNG ten no ADN o compromiso co sector cultural, como fonte xeradora de emprego desde a profesionalización e tamén desde o asociacionismo de base”.
Entre as propostas, citou o proxecto 'Compostela, cidade de Rosalía', como unha proposta ambiciosa que inclúa un centro dedicado á escritora, roteiros na cidade, actividades, difusión de materiais, sinalización de espazos vinculados a súa biografía e unha actualización do seu legado desde unha perspectiva feminista e de defensa da lingua. Tamén ten previsto desenvolver un espazo cultural expositivo sobre a lingua galega, o Centro de Monicreques de Kukas, un Centro de Fotografía, o impulso municipal para a posta en marcha do Conservatorio de danza e da ampliación do Conservatorio Profesional de Música, ademais de promover as artes plásticas e a programación de cine galego.
Pola súa parte, Xavier Castro presentou a Factoría Cultural cun proxecto que dinamice a produción da cultura de base, o impulso a novos locais de ensaio na contorna do Parque de Belvís, a xestión para a apertura do Monte do Gozo para a programación cultural, a posta en marcha dun programa de bolsas de apoio á creación artística e o apoio ás estruturas profesionais da cultura a través dun programa de subvencións municipais que sexa efectivo.
Entre as propostas que presentou Míriam Louzao está a creación da Oficina Compostela Cultura, que definiu como un organismo con tres vías de traballo: apoio, acompañamento e facilitación para o acceso aos recursos e axudas e subvencións á cultura; investigación e obtención de datos a modo de observatorio cultural da cidade; mediación e canalización de participación e propostas.
Destacou tamén a organización dunha Feira do Libro Internacional e a creación dun Centro de Difusión da Cultura Galega na zona histórica para aproveitar a condición turística do concello como canle para a difusión das nosas expresións culturais por todo o mundo e a organización dun Festival das Letras para potenciar a proximidade cultural
e a lingua común cos países lusófonos. Este evento centrarase na produción literaria, mais aberto a actividades complementarias no campo da música, do cinema e das artes escénicas, explicou.