CAMPAÑA
O BNG presenta o modelo de transformación urbana de Santiago “para situar as persoas no centro”
Será prioridade o impulso dun concello sustentábel, proactivo na loita contra o cambio climático e que favoreza a cohesión territorial
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2023.- A cabeza de lista á Alcaldía, Goretti Sanmartín, e o arquitecto e membro da candidatura, Iago Lestegás, presentaron o programa "O mundo é aquí" co modelo de transformación urbana de Santiago de Compostela, o fío condutor das propostas que porá en marcha o BNG a partir do 28M e que parten da recuperación dos espazos públicos para as persoas, cos eixos da cohesión territorial, sustentabilidade, rural con dereitos e novas dotacións públicas.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, para situar as persoas no centro é fundamental recuperar poboación na cidade histórica, apoiar o comercio de proximidade e conseguir atraer persoas residentes en Compostela con facilidades para ter vivenda en alugueiro e de protección pública, en vez de expulsalas a concellos dos arredores. Indicou tamén as políticas encamiñadas a introducir a perspectiva de xénero e para desenvolver un urbanismo feminista, en que prime a accesibilidade universal. Será prioridade o impulso dun concello sustentábel, proactivo na loita contra o cambio climático e cunha serie de propostas para vincular a natureza á propia configuración urbana.
Isto compleméntase nas novas dotacións públicas, “moitas delas pendentes de realizar pola Xunta”, que van dirixidas á creación dunha Factoría cultural, Conservatorio Profesional de Danza, Centro de Fotografía, Museo de Monicreques e Escola de Música tradicional, entre outras.
En canto ao financiamento, explicou que o BNG leva anos a reclamar a ampliación orzamentaria do Consorcio para desenvolver unha parte das políticas de rehabilitación e dotacións públicas que fixo noutros momentos. “A respecto de hai 10 e 15 anos, o Consorcio ten a metade de orzamento e non pode ser, cando o 25 de xullo de 2021 se reuniu o Real Padroado onde anunciaron unha partida de 281,5 millóns de euros para Santiago entre 2021 e 2032”, lembrou. “Comprometémonos a traballar ante as administracións da Xunta e do Estado para conseguir maior financiamento para Santiago e obter recursos comunitarios a través da Oficina de captación de fondos europeos que imos pór en marcha”, engadiu. Así, aproveitará os recursos dispoñíbeis nas convocatorias públicas para materializar a folla de ruta no ámbito da renaturalización do espazo urbano. Ademais, o compromiso do Concello será poñer máis dun 3% do seu orzamento municipal anual para esta transformación urbana.
Deste xeito, o BNG quere impulsar e xestionar este modelo de transformación urbana co obxectivo de facer de Compostela unha capital verde europea, unha cidade situada na vangarda do urbanismo do século XXI que responda con audacia, eficacia e intelixencia aos desafíos que presenta o cambio climático e garanta a nosa calidade de vida a medio e longo prazo.
Iago Lestegás centrouse na reordenación da sección das rúas e avenidas que están sobredimensionadas porque teñen demasiados carrís reservados aos automóbiles e fragmentan os barrios. Puxo como exemplo a avenida do Restollal, pero tamén as avenidas de Lugo, Xoán XXIII, Cruceiro da Coruña ou Romero Donallo “que rachan a continuidade da cidade e teñen anchura suficiente para explorar outras distribucións do espazo máis eficientes, máis xustas e máis amábeis para que as percorre a pé ou en bicicleta e tamén para quen vive nos edificios que as bordean”. En cada un destes casos, estudaremos os condicionantes técnicos, avaliaremos todas as diferentes alternativas e escolleremos a máis axeitada, a que nos permita tendo en conta os condicionantes avanzar cara ao obxectivo de crear espazos urbanos menos hostís.
Remodelación da praza de Galiza
“Tamén actuaremos na praza de Galiza, que actualmente está moi conxestionada pola centralidade que ten, e nas rúas de Aller Ulloa, Virxe da Cerca, Ensinanza e Fonte de Santo Antonio, nas que propoñemos un carril de sentido único con velocidade moi reducida para coches, autobuses e bicicletas; un carril bici no outro sentido; beirarrúas de polo menos 1,8 m como establece a normativa estatal de accesibilidade; e estacionamento en paralelo onde a anchura da vía o permite”, engadiu.
“Se queremos que cada vez máis desprazamentos cotiáns se realicen a pé, en bicicleta e en transporte público temos que crear espazos peonís agradábeis, temos que crear unha infraestrutura ciclista na que as persoas de calquera condición se sintan seguras nunha bicicleta e temos que mellorar o funcionamento do transporte público”, sinalou.
Accesibilidade e naturalización de espazos urbanos
O BNG comprométese a estudar, deseñar e executar actuacións que melloren a accesibilidade dos barrios, como por exemplo o da Almáciga, onde propón instalar un ascensor que comunique a rúa do Home Santo e a rúa de Betanzos, que será moi útil para a veciñanza, para a comunidade educativa do colexio Apóstolo Santiago e para as persoas que usan o centro cívico. Ademais, convocará axudas para obras de mellora da accesibilidade en edificios residenciais.
No modelo de concello do BNG a natureza é protagonista. Nun contexto de cambio climático, o benestar e a saúde a curto e medio prazo van depender en parte da visión “para lle dar máis espazo á natureza non só nos parques, que afortunadamente temos moitos e de moita calidade, senón nas rúas, nas avenidas, nas prazas, nos barrios, na cidade construída que habitamos, arredor dos edificios”.
Ademais, o BNG quere recuperar, rexenerar e rescatar os cursos de auga que agora mesmo están canalizados, encaixados ou degradados, como propuxo hai pouco co regato do Cancelón co emprazamento da Casa da Xuventude, que permitirá liberar a súa zona de servidume de 5 metros e recuperar este curso de auga para o gozo de toda a cidadanía.
Son fundamentais máis árbores que dean sombra nos días de calor, menos asfalto, menos formigón e máis superficies permeables que reteñan menos calor, que absorban auga cando chove, que contribúan á recarga dos acuíferos e por tanto a coidar a auga.
“O BNG ten moi presentes os beneficios que proporciona a natureza, queremos potencialos a través das nosas actuacións en materia urbanística e por tanto apostamos por solucións baseadas na natureza como as que se están aplicar noutras cidades do mundo para mellorar a nosa resiliencia, a nosa capacidade de adaptación aos efectos do cambio climático, que xa están aquí, que xa os podemos sentir”, sinalou Iago Lestegás.