ELECCIÓNS

[Apertura de campaña do BNG] Ana Pontón: “Galiza precisa máis BNG nos concellos”

Inicio de campaña BNG
Inicio de campaña BNG
Proclama que o BNG ten un modelo municipal de éxito para todos os concellos do País e augura un resultado histórico na cita electoral do 28M
[Apertura de campaña do BNG] Ana Pontón: “Galiza precisa máis BNG nos concellos”

Santiago de Compostela, 11 maio 2023.-  O BNG elixiu Santiago para a apertura de campaña nun mitin na Praza do Toural na que a portavoz nacional proclamou que “Galiza precisa máis BNG nos concellos para construír un País de futuro”, para estender por vilas e cidades un modelo municipal de éxito que transforma en positivo, mellora a vida das persoas e converte municipios antes decadentes en referentes dentro e fora do País.

Unha cita coas urnas do 28M na que Pontón augurou un resultado histórico para o Bloque, prognóstico que a líder nacionalista sustenta en tres grandes fortalezas: compromiso dos e das candidatas, a corrente de simpatía cara o BNG e o aval do traballo feito polos gobernos municipais.

“A primeira fortaleza son unhas candidaturas extraordinarias de homes e mulleres comprometidas cos seus municipios, coas súas vilas e cidades que van dar o mellor de si mesmas para empezar a construír unha nova Galiza, concello a concello”, indicou. “A segunda fortaleza é unha corrente de simpatía cara o BNG que non deixa de medrar e que comparten cada vez máis galegos e galegas que ven en nós a alternativa real fronte ao de sempre”, argumentou.

E como terceira gran fortaleza o modelo municipal do Bloque, “sinónimo de prestixio, de bo facer, de calidade e nese modelo temos o mellor dos avais para presentarnos ante a cidadanía para pedirlle o seu apoio o 28 de maio, porque alí onde gobernamos os concellos avanzan, progresan”, destacou a portavoz nacional.

No acto de apertura de campaña, na compostelá Praza do Toural, Pontón arrancou a súa intervención proclamando que Goretti Sanmartín será a próxima alcaldesa de Santiago. “Estou convencida de que vai haber un profundo cambio que levará a que a cidade teña, por primeira vez na súa historia, unha alcaldesa, unha muller que leva Compostela na cabeza e no corazón e que coa forza da razón e do corazón vai abrir un tempo novo nesta cidade, pensando Santiago en grande”, salientou.

Pontón destacou de Sanmartín que ten proxecto estratéxico, equipo e liderado para construír unha Compostela en grande. “Será unha excelente alcaldesa, coas mans libres para defender os intereses de Santiago e da veciñanza, sen pedirlle permiso a ninguén para reclamar o que é xusto para a veciñanza, sen medo a molestar nin a Moncloa nin a San Caetano”, recalcou.

Pontón salientou que o avance do BNG en Santiago é “imparable”, igual que o é no resto do País e que a formación que lidera vai ser a forza que máis suba o 28 de maio ao tempo que puxo en valor o modelo municipal do Bloque.

“Os gobernos BNG transforman en positivo mellorando a vida das persoas; xestionan con eficacia e con transparencia; aportan solucións de vangarda aos grandes retos que temos encima da mesa, poñen en marcha concellos inclusivos, feministas, igualitarios e profundamente democráticos e alí pon en marcha concellos dinámicos no económico, no social, no cultural e profundamente orgullosos da súa identidade”, sintetizou.

Salto adiante

“O BNG está nun gran momento, no mellor da súa historia. Fronte a un PP que representa o pasado, un proxecto esgotado, sen ideas e sen impulso, o BNG representa o porvir, a nova Galiza que xa estamos construíndo colectivamente concello a concello. Estou convencida de que estas eleccións municipais van supoñer un grande salto adiante para o BNG”, concluíu

Pola súa parte, a candidata á Alcaldía de Santiago, Goretti Sanmartín, destacou que o BNG de Compostela “vai ter un resultado histórico este 28M e faremos realidade conseguir o apoio necesario para gobernar desde a Alcaldía e mudar o gris que envolve o concello nun arco da vella de cores de compromiso e de transformación”.

A candidata lanzou unha mensaxe para convidar a participar intensamente na campaña, asistindo aos actos, falando con amizades e veciñanza e animando a conseguir apoios. “Este é o momento do BNG, unha ventá de oportunidade para reverter as políticas pensadas só para quen nos visita e para camiñar a favor dos barrios e parroquias, para recuperarmos o orgullo de ser de Compostela, porque Santiago merece máis”, indicou.

Referiuse ás cores da imaxe Co Corazón en Compostela que guiará esta campaña para representar “os milleiros de persoas que desexan un cambio, un cambio transformador”. “Comeza unha campaña que vai estar cargada de entusiasmo, onde saímos moi motivadas, para converter esas ganas de cambio en apoio ao BNG”.

Acto central, 23M en Cervantes

Entre as cuestións organizativas, pódese destacar que o BNG terá o mitin central de Santiago o martes 23 de maio na praza de Cervantes e disporá de 117 persoas apoderadas e interventoras para seguir a xornada do 28M a pé de urna na totalidade dos centros electorais. O programa O mundo é aquí, co modelo de transformación urbana de Santiago de Compostela que aplicará o BNG a partir do 28M, vai ser o fío condutor para os actos sectoriais e veciñais que están previstos en campaña.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

[Apertura de campaña do BNG] Ana Pontón: “Galiza precisa máis BNG nos concellos”