IGUALDADE

O BNG impulsará un servizo de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBT en Compostela

Debate LGBT
Debate LGBT

Comprométese a apoiar, fomentar e dinamizar o asociacionismo LGBT

O BNG impulsará un servizo de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBT en Compostela

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2023.- O BNG avanzou as propostas para favorecer a igualdade en materia de diversidade sexual, coa elaboración dun plan local LGBT en Compostela a constitución dunha comisión municipal para garantir a súa implantación e avaliación. Ademais, a partir do 28M impulsará un servizo de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBT, coa inclusión de cláusulas sociais na licitación deste servizo para asegurar que este traballo será desenvolto por persoas vinculadas directamente co colectivo.

Entre as medidas que contén o programa do BNG figura garantir que a información municipal, como formularios e rexistros, se adapte á diversidade familiar e de identidade de xénero. Ofrecerase formación sobre diversidade afectivosexual e relacións sentimentais non patriarcais/heteronormativas, fóra do marco do amor romántico, o sistema monógamo e a familia tradicional.

Tamén é necesario apoiar, fomentar e dinamizar o asociacionismo LGBT do municipio, garantindo o acceso destes colectivos aos recursos municipais e fomentando o seu uso dos mesmos. Iso compleméntase coa constitución dun Consello Municipal LGBT que permita manter un contacto directo e continuado co tecido activista da cidade e facilite incorporar a perspectiva LGBT nos principais plans e programas municipais, para garantir a transversalidade destas políticas, e elaboración de campañas de sensibilización contra a discriminación. Tamén é necesario habilitar un espazo para que as asociacións LGBT teñan un local onde realizar xuntanzas, gardar o seu material e desenvolver as súas actividades sen a limitación horaria da rede de centros sociais municipais, explicou Goretti Sanmartín.

Ademais, desenvolverá un plan de formación para todo o persoal funcionario que atenda a persoas LGBT, poñendo especial foco na formación do persoal de servizos sociais, policía e outros sectores nos que as persoas que acoden se atopan en situación de maior vulnerabilidade. No caso do persoal de servizos sobre os que non hai competencia municipal, traballar en diálogo coas institucións competentes para promover que realicen esa formación.

Outro dos compromisos do BNG é a realización de accións vencelladas ao resto de efemérides reivindicadas polo colectivo, como os días da despatoloxización e da memoria trans, os días da visibilidade bisexual, trans ou lésbica, así como a institución do día da visibilidade lésbica galega e do día contra a serofobia. 

O BNG impulsará un servizo de asesoramento, orientación laboral e apoio LGBT en Compostela