URBANISMO

O BNG presenta a documentación que acredita que a parcela de Peleteiro é da SAREB e pode cederse ao Concello de Santiago

Rexistro da propiedade
Rexistro da propiedade

“Xa abonda de sementar dúbidas por parte do PSOE e esixímoslle que se poñan a traballar para conseguilo”, sinala Goretti Sanmartín

O BNG presenta a documentación que acredita que a parcela de Peleteiro é da SAREB e pode cederse ao Concello de Santiago

Santiago de Compostela, 9 de maio de 2023.- A candidata do BNG á Alcaldía, Goretti Sanmartín, presentou a documentación que acredita que o 100% da titularidade da propiedade da parcela de Peleteiro é de Árqura Homes, a promotora inmobiliaria da SAREB. “Xa abonda de sementar dúbidas por parte do PSOE sobre esta propiedade e sobre a posibilidade que se abre para ampliar o parque de vivenda protexida; esixímoslle que demostren a defensa dos intereses da cidade e se poñan a traballar para conseguir que prospere esta medida anunciada polo Goberno do Estado e que pode beneficiar Santiago de Compostela con esta cesión de solo”, advertiu.

O BNG requiriu esta documentación do Rexistro da Propiedade previamente á presentación da iniciativa que o deputado Néstor Rego trasladará ao Congreso para reclamar a cesión desta parcela da SAREB ao Concello de Santiago, ao abeiro do anuncio do Goberno do Estado. Cómpre lembrar que nun terceiro eixo das medidas para a construción de 15.000 vivendas adicionais destinadas a aluguer social e asequíbel incorpórase a vía da cesión de solos urbanizábeis da SAREB ás administracións, un caso en que se pode situar a parcela de Peleteiro.

Desde o BNG reclámase que, tras 20 anos de sentenzas, recursos e intentos de acordo fracasados poida ser realidade esta posibilidade de facer efectiva a cesión da parcela de Peleteiro ao Concello de Santiago para destinala a uso público e favorecer a construción de vivenda pública de aluguer, un centro de día, un centro sociocultural, instalacións deportivas e unha praza aberta para o encontro e o lecer; dotacións necesarias para incrementar a calidade de vida da veciñanza.

“Ou candidato do PSOE descoñecía de quen era a parcela de Peleteiro, que xa é grave, ou está tentando ocultar que a promesa de Pedro Sánchez de ceder parcelas da SAREB para construír vivendas non é real”, indicou. Porque senón non se entende que Xosé Sánchez Bugallo non defenda os intereses de Santiago cando o que fai é poñer enriba da mesa do Goberno español unha opción que está dentro das que Pedro Sánchez acaba de ofrecer como posibilidade para a construción de vivenda en réxime de alugueiro social que podería facer realidade a construción desa vivenda de protección pública para alén das dotacións de infraestruturas necesarias e rematar, ademais, coa afectación negativa á veciñanza que outros proxectos podían ter, engadiu a candidata.

 

O BNG presenta a documentación que acredita que a parcela de Peleteiro é da SAREB e pode cederse ao Concello de Santiago