CAMPAÑA
Goretti Sanmartín anuncia a creación dun Centro da Lingua Galega e medidas para potenciar o seu uso en todos os ámbitos
Santiago de Compostela, 17 de maio de 2023.- A candidata do BNG á Alcaldía Goretti Sanmartín e a portavoz nacional Ana Pontón, acompañadas de integrantes da listaxe que concorre ás eleccións do 28M, participaron na manifestación de Queremos Galego para celebrar o Día das Letras Galegas e reivindicar medidas para a normalización da lingua.
O BNG quere realizar un Centro da Lingua Galega, concibido como un espazo cultural expositivo e dinámico que traslade, ás persoas veciñas e visitantes, a historia do nacemento, desenvolvemento, características, extensión e realidade do maior e máis importante elemento cultural que temos como pobo: a lingua galega. “Neste sentido, faremos de Compostela a capital da lingua galega no mundo, cunha visión ampla que a conecte tamén coa dimensión internacional da lingua e especialmente coa lusofonía”, explicou a candidata. Será un espazo visitábel, que traslade información de forma amena e permita vivir unha experiencia ao redor da lingua cos medios e narrativas expositivas do noso tempo.
Para o BNG é fundamental esixir da Xunta a ampliación da rede de escolas infantís, que serán de xestión pública e integramente financiadas pola Xunta, para garantir a universalidade da prestación do servizo e o uso da nosa lingua.
Ademais, comprométese a promover, en colaboración cos centros educativos, o ensino en galego, a lectura e creación literaria no noso idioma para contribuír, así, á plena normalización da nosa lingua e apoiará as iniciativas educativas públicas e comunitarias que teñan como obxectivo principal a normalización lingüística e garantir os dereitos lingüísticos das crianzas galego falantes e, en xeral, o uso do galego. Tamén estenderá o uso do galego ás empresas concesionarias que dependen do Concello. O BNG desenvolverá campañas de normalización e programas de galeguización de actividades sociais e, en especial, para a sensibilización e uso do idioma no ámbito familiar, no deporte e no comercio, facendo da lingua galega un elemento transversal a toda a política municipal.
Outra das medidas do programa vai encamiñada a fomentar programas e iniciativas educativas para que o alumnado coñeza, respecte e valore a importancia de todo o que nos identifica como pobo, así como o noso patrimonio material e inmaterial do que Santiago é un claro referente.