CAMPAÑA

Goretti Sanmartín: “A mellor aposta polo deporte é potenciar un cambio de mobilidade”

Saleta Chao e Goretti Sanmartín
Saleta Chao e Goretti Sanmartín

O BNG comprométese a partir do 28M a pagar en tempo as axudas para as entidades deportivas e culturais para poderen desenvolver as súas actividades

Goretti Sanmartín: “A mellor aposta polo deporte é potenciar un cambio de mobilidade”

Santiago de Compostela, 19 de maio de 2023.- A candidata Goretti Sanmartín, acompañada de Saleta Chao, presentou as propostas de Deportes que desenvolverá co BNG na Alcaldía a partir do 28M, que van na liña da transversalidade, a inclusión e a igualdade, ademais de mellorar as infraestruturas e de impulsar a realización dunha piscina olímpica en Santa Marta e a Cidade da Raqueta con outras administracións.

Goretti Sanmartín explicou que a mellor aposta polo deporte e a saúde é potenciar un cambio de mobilidade, para favorecer os desprazamentos a pé e en bicicleta, tanto para o lecer como para ir a traballar. “O deporte é un elemento fundamental para que haxa turismo deportivo, temos que atraer competicións deportivas de máximo nivel en fin de semana para favorecer a diversificación turística”, engadiu.

O BNG aposta por crear a Escola deportiva de xogos tradicionais, para atender esa demanda en colaboración coas asociacións existentes, e por potenciar o deporte de base, para persoas maiores e con diversidade funcional, de xeito coparticipado. Así, puxo un exemplo como o dos encontros do BNG coa Asociación de Skate de Santiago para mellorar e crear novas instalacións, cun proxecto en que colaboraron de xeito directo, lembrou.

O deporte é fundamental e ten que formar parte da vida diaria, para o que é necesario levar deportes aos parques, ás prazas, facer programas interxeracionais e compartir infraestruturas tanto da Universidade como dos centros educativos para un correcto mantemento. A iso engadiu a aposta polo deporte feminino e a saúde das mulleres, coa inclusión da perspectiva de xénero nas infraestruturas e eventos deportivos.

Ademais, comprometeuse a facer un plan de pagamento en tempo e forma ás asociacións de deporte de base, porque non pode volver acontecer que a xente estea un ano e medio agardando pola subvención concedida. “Este goberno puxo en risco actividades tanto culturais como deportivas e desde a perspectiva do BNG temos un compromiso de pagar en tempo e forma todas as axudas económicas, ademais de favorecer o incremento necesario”, afirmou.

Pola súa parte, Saleta Chao, número 7 da candidatura, explicou que o deporte será un eixo prioritario do próximo goberno do BNG “porque entendemos que é indispensábel para unha vida máis saudábel, mais tamén polo seu compoñente educativo e de transmisión de valores, e de convivencia interxeracional”. Así, queremos incluír o Deporte como un dos aspectos chave a dinamizar desde o concello de forma transversal a outras concellarías como educación e política social, entre outras.

Deste xeito, anunciou o Consello Municipal dos Deportes como un espazo de creación de sinerxías entre as distintas entidades deportivas da cidade e a propia administración, asegurando así unha interlocución fluída e constante que mellore a coordinación e planificación da estratexia deportiva no noso concello.

“Sabemos que contamos cunhas instalacións deportivas deficitarias e, por iso, realizaremos unha auditoría que derive na inmediata revisión e posta a punto das instalacións deportivas públicas, municipais e comarcais, para optimizar o seu uso”, sinalou. Ademais, comprometeuse a realizar a revisión da homologación do rocódromo das Fontiñas.

“Nesta liña, impulsaremos a optimización das infraestruturas dos centros educativos para a súa utilización fóra do horario lectivo, en colaboración coa administración educativa e co tecido asociativo deportivo, asinando un convenio de colaboración coa administración educativa”, sinalou Saleta Chao. Referiuse tamén á formalización dun convenio coa USC para que tanto o estudantado universitario como a poboación de Compostela poidan beneficiarse dos recursos deportivos das dúas institucións.

O BNG comprométese a aumentar as axudas ás entidades que dinamizan o deporte de base, ademais de fomentar a actividade deportiva ao aire libre, potenciar os roteiros de sendeirismo existentes e crear outros novos, ao longo das parroquias do concello, favorecendo o seu coñecemento dentro dun Plan de Promoción da Saúde e de coñecemento do territorio.

Perspectiva de xénero

“Sendo conscientes de que tamén no deseño das políticas deportivas é preciso aplicar unha perspectiva de xénero, impulsaremos o acceso das mulleres ao deporte en todos os seus papeis, organizando un programa que vincule o deporte á saúde das mulleres en todas as etapas”, explicou.

O BNG aposta polo deporte en igualdade, polo que deseñará equipamentos e infraestruturas sen barreiras discriminatorias e promovendo a inclusión e a conciliación para a incorporación das mulleres ao deporte, coa adecuación dos horarios das instalacións deportivas para evitar discriminacións cos clubes femininos e de modalidades minoritarias, ademais de mudar os prazos do reparto de horas nas instalacións para facelos coincidir co curso académico e así favorecer a planificación dos clubes e asociacións.

Entre as medidas, anunciou a ampliación do equipamento deportivo da cidade cunha piscina olímpica, necesaria para o adestramento de alto rendemento no concello e na comarca, que se sumaría no noso país á Casa da Auga da Coruña e á do Centro de Tecnificación de Pontevedra.

O momento do BNG na Alcaldía

Ademais, Goretti Sanmartín referiuse a que existe “unha corrente de simpatía importante cara ao BNG, que está a alza e a xente na rúa nos transmite que hai ganas dun cambio transformador para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

“Queremos que a poboación de Santiago de Compostela non se resigne a que gobernen os de sempre, porque existe a oportunidade de que chegue á Alcaldía unha forza como o BNG se todas as persoas que xa colleron esta papeleta nas últimas eleccións volven votar para conseguilo”, explicou.

Ademais, apelou á mocidade para que aposte polo BNG, porque “é un momento importante que se abre de poñer unha muller na Alcaldía que mire polo futuro e por dar esa oportunidade de gobernar os próximos catro anos cun proxecto transformador como o do BNG”.

Goretti Sanmartín: “A mellor aposta polo deporte é potenciar un cambio de mobilidade”