CAMPAÑA

Goretti Sanmartín: “Queremos conseguir un concello que avance en sustentabilidade, con dinamismo económico, social e cultural”

Roteiro
Roteiro
O BNG organiza un 'roteiro mitineiro', guiado por Míriam Louzao e Iago Lestegás, para dar a coñecer as principais medidas para a transformación urbana que vai impulsar a partir do 28M
Goretti Sanmartín: “Queremos conseguir un concello que avance en sustentabilidade, con dinamismo económico, social e cultural”

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2023.- A candidata Goretti Sanmartín anunciou que Santiago, cando o BNG chegue á Alcaldía o 28M, iniciará unha nova etapa para darlle un xiro de 180 graos á xestión municipal co obxectivo de conseguir que a capital de Galiza sexa referente na transformación urbana, cun concello preparado contra o cambio climático, coa mellora dos servizos públicos, con accesibilidade, con políticas feministas, a favor da igualdade social, con medidas para o comercio local e para a cohesión dos barrios composteláns.

“Queremos conseguir un concello que avance en sustentabilidade, con dinamismo económico, social e cultural”, explicou, “cun gran tecido empresarial e comercial, que consiga crear riqueza e emprego, que permita gañar calidade de vida e teña unha axenda cultural de proxección internacional”.

A mocidade, factor de cambio

Ademais, Goretti Sanmartín realizou un chamamento á mocidade de cara ao 28 de maio para que sexa factor de cambio e de transformación para conseguir que Santiago de Compostela teña máis oportunidades, para que participe activamente no cambio que precisa este concello. Aplicaremos políticas para conseguir que Santiago sexa un bo lugar para a xente nova, “porque sabemos que o futuro pasa porque a mocidade quede aquí, con medidas para que poida traballar e vivir en Santiago de Compostela e achegue todo o seu potencial e capacidade para desenvolver o modelo de concello que queremos para incrementar a calidade de vida”.

“O BNG representa nestes momentos o impulso, o optimismo e a vitalidade que precisa Santiago porque imos ter un resultado histórico este 28M, porque da man do BNG este concello vai recuperar o pulso perdido nos últimos anos”, afirmou Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín: “Queremos conseguir un concello que avance en sustentabilidade, con dinamismo económico, social e cultural”