PLENO

Aprobadas dúas mocións do BNG para mellorar os espazos e servizos públicos de transporte e residuos no Castiñeiriño e en Vite

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi
A declaración institucional para conseguir que Santiago albergue a sede estatal de supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) inclúe un engadido do BNG para promover o uso do galego e das demais linguas cooficiais do Estado
Aprobadas dúas mocións do BNG para mellorar os espazos e servizos públicos de transporte e residuos no Castiñeiriño e en Vite

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2022.- O BNG conseguiu aprobar no Pleno ordinario de xullo dúas mocións relativas a demandas veciñais para a mellora dos espazos públicos no Castiñeiriño e en Vite.

Trátase de diversas actuacións de escaso custe económico e moita rendibilidade social para incrementar a calidade de vida das persoas residentes mediante os labores de mantemento dos espazos e control dos servizos públicos, que sofren un considerable desleixo nos últimos anos.

Así, aprobouse por unanimidade a ampliación do parque infantil situado entre as rúas José Antonio Souto Paz e Alejandro Pérez Lugín, no Castiñeiriño. Tamén neste barrio existe o habitual problema derivado da recollida de residuos, con papeleiras que rebordan durante unha semana sen que o servizo da empresa concesionaria pase pola zona. No SUNP-11 reclaman tamén a reposición dunha nova papeleira.

No apartado de mobilidade, en canto ao transporte público, a demanda é relativa á falta de sincronización das liñas L6 e LA6, que adoitan circular á vez, co que deixan intervalos de agarda moi superiores ao que deberan ser as frecuencias, co que se duplica a demora no tempo. Tampouco funcionan de xeito coordinado os paneis informativos e a aplicación Máisbus. Outra eiva é o recorte de frecuencias nas fins de semana e días festivos, que deixan sen conectividade suficiente a poboación deste barrio co centro urbano. Outra reclamación é a instalación de berlinesas, sinais luminosos ou de pintura para a pacificación do tráfico, que transita a unha velocidade excesiva sen respectar o que marcan os sinais na rúa Antón Vilar Ponte. Ademais, a veciñanza require a actuación da brigada de roza de vexetación en cunetas e no lavadoiro de Lamas de Abade, posto que invade este ben etnográfico.

Outra das mocións aprobadas -cos votos a favor de BNG, CA e PP e mais a abstención do PSOE- vai destinada a dar a coñecer o miradoiro de Monte de Deus, polo seu valor paisaxístico, e para atender as demandas veciñais de estender as liñas de autobús urbano até Vite de Arriba, coas frecuencias necesarias tamén en fin de semana.

Tamén se reclama a mellora na dotación de colectores de lixo, material plástico e papel, cun punto de recollida en cada rúa. Tamén debe mellorar a frecuencia de recollida, xa que os colectores cheos, cando pasa máis dun día sen ser baleirados, provocan molestias á veciñanza e un problema de salubridade. Xunto a isto, tamén se reclama por parte da veciñanza o servizo de limpeza municipal, xa que, agás na rúa Vite de Arriba, nas demais este servizo non existe.

Outra das iniciativas do BNG aprobadas foi para que se recupere a emisión por streaming das roldas de prensa e das sesións plenarias, cun sistema áxil de busca e de arquivo de videoactas. Así, reclama que se convoque un concurso para a emisión por streaming das sesións plenarias, que incluirá un programa áxil de busca e de arquivo de videoactas para adecuarse ás necesidades da comunicación social actuais. Dotar destes soportes de retransmisión en directo por parte dunha Administración pública como o Concello de Santiago é algo apropiado para contribuír a garantir o dereito fundamental de información.

Aprobouse tamén unha moción para avanzar cara a un turismo sustentábel e facer unha mudanza do modelo actual, pola recuperación de vitalidade da zona histórica e por conseguir que o diagnóstico de descentralización e desestacionalización sexa unha realidade. Dentro das melloras que propón está incrementar os sistemas de información turística, en colaboración con Incolsa, con persoas que ofrezan información turística en diversos idiomas nas rúas e prazas emblemáticas para mellorar este labor e dar a coñecer outros lugares para visitar. Ademais, é necesario instalar novos paneis de sinalización para indicar a dirección aos monumentos máis relevantes, de xeito ben visíbel, así como as direccións á estación intermodal de ferrocarril e autobuses e ao Monte do Gozo. Ademais, reclama que o Concello de Santiago habilite paneis cun distintivo específico para sinalizar  as paradas do autobús ao aeroporto e porá en funcionamento o panel electrónico que indica as frecuencias das liñas.

 

Aprobadas dúas mocións do BNG para mellorar os espazos e servizos públicos de transporte e residuos no Castiñeiriño e en Vite