FERROCARRIL

O BNG esixe unha rectificación para que se inclúan as bonificacións do tren de media distancia nas medidas contra a crise

Goretti e Néstor, acompañados de edís e militantes da comarca de Compostela
Goretti e Néstor, acompañados de edís e militantes da comarca de Compostela

É unha dupla discriminación con Galiza, por quedar sen bonificacións para persoas usuarias por razóns laborais e por non existir tren de proximidade

O BNG esixe unha rectificación para que se inclúan as bonificacións do tren de media distancia nas medidas contra a crise

Reclámalle ao conxunto das forzas políticas que se sumen a esta demanda do conxunto da cidadanía e das plataformas de persoas usuarias que utilizan o tren

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2022.- O BNG organizou un acto en Santiago de Compostela para reclamar as bonificacións do 100% no servizo ferroviario Avant de media distancia que conecta Santiago de Compostela con Vigo, Vilagarcía, Pontevedra, Ourense e A Coruña. Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso, e Goretti Sanmartín, portavoz do BNG en Santiago, estiveron acompañados de edís da comarca de Compostela para esixiren unha rectificación do Goberno do Estado e a implantación dun tren de proximidade que favoreza a mobilidade nas vilas galegas.

Neste traxecto, a diario son practicamente 14.000 persoas usuarias afectadas pola exclusión destas bonificacións, sen contar venres nin domingos, que é cando hai máis viaxeiras pola presenza de estudantes. “É un número importante para esixir que nas bonificacións anunciadas polo Estado se inclúan estes traxectos, como incluímos nunha iniciativa que levamos ao Pleno, que foi aprobada por maioría e coa abstención do PSOE”, explicou Goretti Sanmartín.

“Esta é unha reclamación máis, xunto co incremento de frecuencias, a adecuación dos horarios á realidade das persoas que van aos seus postos de traballo e a necesidade de favorecer un medio de transporte máis sustentábel”, engadiu. “Vimos como empeoraron as condicións dos trens tanto coa pandemia como coa chegada do tren de alta velocidade, algo que non se pode consentir”, explicou, “e tamén ten que haber un tren de proximidade para dar servizo ás vilas para favorecer unha boa conexión interior no noso país”.

Pola súa parte, Néstor Rego, cualificou como “unha nova discriminación” co transporte ferroviario na Galiza o anuncio do presidente do Goberno español coas medidas para paliar a situación da crise coa bonificación do 100% para usuarios e usuarias recorrentes nos servizos de cercanías e media distancia.

“No momento fixen constar no Congreso que Galiza non se ía ver en absoluto beneficiada porque aquí non temos servizo de cercanías e, quero aclarar que non se trata de poñer énfase en que durante 4 meses, de setembro a decembro, perdamos esa bonificación, senón que o noso país, en pleno século XXI, aínda non ten servizo de cercanías en ningunha das súas áreas urbanas e metropolitanas e non hai razón obxectiva para que sexa así, polo que desde o BNG seguimos a reclamar que se poña en marcha ese servizo de proximidade en todas as áreas urbanas do noso país”, indicou o deputado.

Isto acrecentou a sorpresa de que ficaban excluídas da bonificación os trens AVANT, co argumento de que eran por razóns laborais, cando aquí son usados por mobilidade obrigada de razóns de traballo e de estudos. Así, lembrou que o BNG xa presentou unha iniciativa no Congreso “para que se rectifique e para evitar esa nova e dupla discriminación co noso país, dado que tampouco existe o servizo de proximidade”.

“A maiores, desde o BNG continuamos esixindo que se melloren os servizos ferroviarios no noso país”, advertiu. “O Goberno fala moito de transición enerxética e ecolóxica, mais hai que lembrar que cando se fala de transición ecolóxica en materia de transporte é de apoio ao transporte público, eficaz e sustentábel como é o servizo ferroviario”, lembrou.

“Iso non pode ser palabraría, tense que concretar na práctica na mellora deses servizos e, de forma inmediata, para alén do servizo de proximidade, están a recuperación das frecuencias suspendidas durante a pandemia, o aumento en función da demanda, a adecuación dos horarios e a baixada dos prezos”; para facelos máis asequíbeis e atraentes que o uso do vehículo particular.

Ademais, o BNG reclámalle ao conxunto das forzas políticas que se sumen a esta esixencia do conxunto da cidadanía e das plataformas de persoas usuarias que utilizan o ferrocarril. “Non entendemos, por tanto, que no Pleno da Corporación de Santiago, o PSOE non votase a favor dunha reclamación tan elemental que ten que ser unha reclamación de país e estar na axenda de todas as forzas políticas; evidentemente está na do BNG e vai continuar até que consigamos mellorar os servizos ferroviarios no noso país, implantar os servizos de proximidade e que o Goberno español rectifique o absurdo de excluír os trens AVANT de media distancia das bonificacións previstas”, concluíu o portavoz do BNG no Congreso.

O BNG esixe unha rectificación para que se inclúan as bonificacións do tren de media distancia nas medidas contra a crise