ACTO PÚBLICO
O BNG de Santiago comprométese a manter a memoria de Ánxel Casal
Xulga que as políticas de memoria son as que abren a chave a un mundo mellor e que son chegados os tempos dun Goberno nacionalista na capital do país
Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego de Santiago realizou hoxe a súa tradicional homenaxe a Ánxel Casal na Praza do Toural. Conscientes de que o Concello de Santiago non move ficha para honrar con dignidade a memoria do alcalde nacionalista asasinado o 19 de agosto de 1936, veciñanza, militancia do BNG e diferentes colectivos xuntáronse para escoitar a concelleira Navia Rivas, o deputado Luís Bará e a portavoz municipal Goretti Sanmartín, nun acto que estivo amenizado polo grupo Cantamadeira.
Navia Rivas, que introduciu o acto, para alén de agradecer a presenza das asociacións e colectivos representados, afirmou que “foron moitas as persoas que deron a vida a man dos fascistas asasinos por defenderen a democracia, por loitar por unha sociedade máis avanzada e por querer construír un País con futuro para os seus, para a nosa xente”.
Luís Bará, deputado que defendeu na Cámara galega a Lei galega pola memoria, lembrou o Ánxel Casal membro do Partido Galeguista e que viaxou a Madrid para entregar o Estatuto, e subliñou que o futuro da Galiza ten que se asentar en políticas de memoria. “O pasado non o podemos borrar, non o podemos ocultar. Por moito que teimen en negalo, o pasado sempre volve (en forma de palabras, de nomes, de imaxes, de homenaxes, … Após 86 anos, Galiza está vivindo un novo abrente, como aquela alborada republicana e galeguista de 1936. Moitos daqueles soños, compartímolos hoxe, construímolos aquí e agora. Daquela semente, daquel celeiro vizoso de ideas e loitas, agromou un esperanzado porvir”, afirmou.
A portavoz municipal leu unha emotiva carta dirixida a Ánxel Casal en que explicou que o alcalde asasinado tiña moitas ideas na cabeza para transformar Santiago: “converter o Gran Hospital de Santiago, o actual Hostal dos Reis Católicos, na sede do Museo Nacional Galego, en plena Praza do Obradoiro, para que as persoas que fixesen o Camiño rematasen coñecéndonos de verdade, sabendo que veñen a un pobo orixinal, diferenciado, cunha lingua e cultura de seu”. “Menos mal que aínda temos o Museo do Pobo Galego, o noso verdadeiro Museo Nacional”, engadiu.
Goretti Sanmartín lembrou que o impulso da Comisión de Memoria histórica municipal non é o que debera con este goberno local, a pesar das promesas e das numerosas propostas que están enriba da mesa. Así, advertiu que “tardaron case dous anos en convocala e aínda foi o mes pasado cando botou a andar”. Por iso quixo comprometerse a que “o ano próximo nos xuntaremos á beira dunha estatua na túa honra e oxalá que o fagamos cun Goberno nacionalista, seguidor dos teus ideais; xa é hora de que o nacionalismo goberne este país e tamén o Concello que é a súa capital”.
En resumo, tal e como lembrou Luís Bará, o BNG xulga que hoxe hai unha nación viva, creativa, feminista, diversa, científica, moderna, ecoloxista, internacionalista e solidaria que pide paso e non pide permiso. Está en marcha unha onda imparábel de xustiza, de liberdade e de dignidade colectiva. Unha nova Galiza quere ser protagonista da súa historia e dona do seu destino.