POLÍTICA SOCIAL
O BNG reclama un plan de integración social para que a xente deixe de durmir na rúa e advirte de que o Goberno local só pretende ocultar a pobreza
Goretti Sanmartín urxe a adoptar máis medidas sociais para reducir a taxa de risco de pobreza, que se sitúa en 14,38% en Santiago de Compostela segundo datos do IGE
Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2022.- O BNG está en contra da decisión do Goberno local de tapiar a zona posterior á marquesiña da avenida de Xoán XXIII co obxectivo claro de impedir a entrada ás persoas sen teito que pernoctan nese lugar.
“Entendemos que esta é unha fórmula que o único que demostra é aporofobia e intención de aparentar que non existen pobreza, marxinación e casos claros de persoas que teñen necesidades de lugares onde durmir, algo que está por solucionar nunha cidade como Santiago de Compostela en que estaba proxectado un centro de senfogarismo que continúa sen existir e non hai practicamente ningunha resolución que non sexa acudir a servizos de caridade para resolver un problema social grave”. Cáritas tivo que atender 40.557 persoas durante o ano 2021 na Diócese de Santiago de Compostela, das o 55,6% eran persoas sen ingresos económicos e 21,31% percibían algún tipo de prestación ou pensión que non cubría as súas necesidades básicas.
“Esconder as cousas e invisibilizalas non é a solución para un concello que debe ser fundamentalmente social, que o primeiro que debe facer é atender a xente con necesidades e os colectivos que máis o precisan”, defendeu Goretti Sanmartín.
Por iso, o BNG demándalle ao Goberno local que expoña o plan para que a xente deixe de durmir na rúa, que defina “cal é a planificación para que a xente teña integración laboral, económica e social e que non se acometan obras que, ao final, saen do diñeiro público de todos os composteláns e compostelás coa única finalidade de ocultar a pobreza existente e que se incrementa cada vez máis no noso concello”.