O Bloque Nacionalista Galego de Santiago denuncia que a recollida e tratamento do lixo non mellorou nada co novo contrato
A poboación de Compostela continúa coas mesmas deficiencias dos últimos anos pola falta dunha proposta realmente sustentábel por parte do goberno local
Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2022.- O Bloque Nacionalista Galego de Santiago denuncia que transcorridos xa máis de tres meses desde a nova concesión do servizo de tratamento e recollida de lixo (á mesma empresa que xa efectuaba este traballo con numerosas deficiencias e incumprimentos dos pregos) non existe ningunha mellora visíbel no conxunto do territorio de Compostela. Á escaseza de persoal e de maquinaria súmase a obsoleta infraestrutura de que se dispón, co resultado de barrios e zonas que fican sen recollida en días determinados, servizos que non se fan e a continuidade no estado dun concello que dista moito de estar limpo e ofrecer un bo servizo ao conxunto da poboación.
“No BNG continuamos recibindo queixas pola sucidade nas rúas e lugares de Compostela, así como denuncias por incumprimento dos pregos no referido a frecuencias na recollida e servizos que fican sen facer”, comentou Goretti Sanmartín, a portavoz municipal, que tamén se referiu a que é inxustificábel que practicamente vaia haber que esperar un ano desde o inicio da nova concesión para que o material estea á disposición da veciñanza.
“Este non é o noso modelo de recollida e tratamento do lixo, non se sitúa á vangarda na aposta pola reciclaxe e carece da ambición precisa para a capital do país”, afirmou Sanmartín, quen indicou tamén que “aínda así, o mínimo que pode facer este goberno local é garantir que se cumpren os pregos desde o primeiro momento e non continuar agrandando as numerosas irregularidades e deficiencias do servizo sen dar orixe a ningunha sanción á empresa”.
O Goberno local só parece estar empeñado en desenvolver políticas de propaganda, pois co modelo escollido non se camiña cara á sustentabilidade nin a cumprir as porcentaxes de reciclaxe impostas por Europa. Lembramos que a Lei 22/2011, de 28 de xullo, de residuos e solos contaminados e a Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, impoñen para o ano 2020 a reciclaxe do 50% dos residuos municipais como mínimo, a reciclaxe do 55% dos residuos para o ano 2025, do 60% para o ano 2030. O concello de Santiago incumpre flagrantemente esta obriga pois non chega ao 20% de separación e reciclaxe. Nos pregos actuais non se inclúen medidas efectivas e contrastadas para dar cumprimento a esta obriga. É máis, dos pregos dedúcese que, á parte dalgunha actuación parcial moi limitada como os composteiros individuais, o incumprimento dos obxectivos fixados de xeito imperativo pola normativa van seguir sen se cumpriren.
Por outra parte, “levamos tempo a reclamar unha campaña de sensibilización entre o conxunto da poboación e, nomeadamente entre os sectores e empresas que máis lixo xeran, para modificar hábitos e conseguir avanzar nun modelo verdadeiramente ecolóxico e sustentábel. Unha páxina web pode ser unha parte desa campaña, mais nin é suficiente nin pode ser o amparo para que non se avance na redución, reutilización e reciclaxe”, finalizou a portavoz municipal.