AMBIENTE

O BNG presentará iniciativas no Concello e no Parlamento para frear a liña de alta tensión que pode destruír o espazo natural do Souto

Goretti Sanmartín Rei
Goretti Sanmartín Rei

Súmase ás demandas da Plataforma pola recuperación do Sar para axilizar a declaración de ENIL e presentar alegacións para modificar o trazado

O BNG presentará iniciativas no Concello e no Parlamento para frear a liña de alta tensión que pode destruír o espazo natural do Souto

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2022.-  A portavoz do grupo municipal Goretti Sanmartín anunciou que o BNG trasladará ao Pleno do Concello de Santiago e do Parlamento galego iniciativas para a modificación do proxecto de trazado da liña de alta tensión que afecta ao espazo natural do Souto. “Trátase dunha zona de riqueza patrimonial, natural e paisaxística que se debe preservar e este proxecto, tal como está previsto, pode provocar danos irreversíbeis cando existen outras solucións alternativas que non agriden este espazo”, indicou.

O BNG súmase, deste xeito, ás reivindicacións da Plataforma pola recuperación do Sar e demándalle ao alcalde Sánchez Bugallo que tramite ante a Xunta a declaración como Espazo Natural de Interese Local (ENIL), que foi aprobada en Pleno en xullo e en novembro de 2019, e que presente alegacións para salvagardar este espazo.

“Esta é unha mostra das consecuencias do abstencionismo do PSOE nos plenos, pois foi unha iniciativa aprobada en dúas ocasións, que logo o alcalde non tramitou e agora con esta figura podería protexerse de xeito administrativo este espazo natural sen ter que presentar alegacións ante este proxecto de liña de alta tensión”, advertiu.

Así, destacou que urxe intervir para frear a destrución deste espazo que ten carballos e castiñeiros centenarios, flora e fauna singulares, ademais de elementos etnográficos e arqueolóxicos. “É unha paisaxe conformada durante centos de anos, de enorme valor, e a falta de acción e de sensibilidade dos gobernos de Santiago e da Xunta pode causar a súa destrución se permiten o paso desa liña de alta tensión por este emprazamento natural”, sinalou.

“O BNG defende que o trazado desta liña de alta tensión pode discorrer en paralelo á autovía e realizarse de forma soterrada, como fan cando atravesa o Camiño de Santiago, de xeito que cause o menor dano ambiental e impacto visual posíbeis”, explicou Goretti Sanmartín.

 

O BNG presentará iniciativas no Concello e no Parlamento para frear a liña de alta tensión que pode destruír o espazo natural do Souto