INSTITUCIONAL
Goretti Sanmartín: “O Concello de Santiago incumpre o acordo de conmemorar o bicentenario de Antolín Faraldo”
Aprobárase por unanimidade organizar unha campaña, en colaboración con asociacións, con actividades para a mocidade e os centros de ensino
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín advirte de que o Goberno local do PSOE incumpre o acordo de organizar actividades de recoñecemento e de conmemoración da figura de Antolín Faraldo no bicentenario do seu nacemento.
O BNG realiza todos os anos no mes de abril un acto en homenaxe aos Mártires de Carral e, concretamente, á figura de Antolín Faraldo para lembrar o que supuxo para o nacionalismo galego e para Santiago de Compostela, que foi escenario de batalla na rúa do Hórreo, nas Trompas, na praza de Cervantes e San Martiño Pinario durante a Revolución galega de 1846. “Non se entende que o Concello de Santiago de Compostela non realice actividades de recoñecemento e conmemoración do que significaron os Mártires de Carral, a Revolución de 1846 e a figura de Antolín Faraldo pese estar aprobado por unanimidade no Pleno a iniciativa do BNG”, explicou.
A responsabilidade do Concello deste ano é dupla, pois o 2 de setembro de 2022 conmemórase o bicentenario de Antolín Faraldo. A portavoz nacionalista lembrou que en novembro de 2021 o BNG propuxo no Pleno unha campaña de difusión en colaboración con asociacións veciñais e culturais de Santiago que se dirixa tamén á mocidade e aos centros de ensino para conmemorar o bicentenario de Antolín Faraldo no referido á súa vinculación con Santiago de Compostela. “Chega esta data e non vemos actividades organizadas polo Concello de Santiago para conmemorala, algo que nos chama a atención, polo que reclamamos que se dea resposta ás iniciativas aprobadas en Pleno neste caso por unanimidade da Corporación”, explicou.
Antolín Faraldo naceu o 2 de setembro de 1822 e ten unha forte vinculación con Santiago de Compostela. Ademais de ser autor da proclama da Xunta provisional do Goberno de Galiza na Revolución Galega de 1846, que tivo como escenario a cidade de Compostela, colaborou en xornais de recoñecida sona na época como “El Recreo Compostelano” e “La Situación de Galicia”, e logo foi director de “El Porvenir” e “La Europa”.
Este 2022 fanse 200 anos do nacemento de Antolín Faraldo, unha boa data para que o Concello de Santiago efectúe unha programación en que dea a coñecer que o Mosteiro de San Martiño Pinario serviu de escenario e de refuxio durante a a Revolución Galega de 1846, así como dos relatos de Manuel Murguía e doutros historiadores que describiron esa contenda que transcorreu polas rúas e montes de Compostela. É preciso recuperar aqueles episodios da nosa historia que se produciron para falar de sentimento galeguista e para reivindicar a nosa memoria colectiva como pobo, desde Santiago e como capital de Galiza.
De feito, Antolín Faraldo pertence á primeira xeración de galeguistas que abrazaron a idea de concibir Galiza como un proxecto político e ese xermolo do que logo foi o Rexurdimento, as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista e o nacionalismo galego contemporáneo. A celebración do seu bicentenario era un bo momento para recoñecer que Santiago de Compostela foi o enclave da Xunta Superior do Reino de Galiza, en que fan unha proclama contra os impostos, a centralización e os abusos do poder.
Ademais, o Concello de Santiago puido aproveitar esta efeméride para instalar unha placa en homenaxe aos Mártires de Carral que recorde eses acontecementos da Revolución de 1846, pois é de xustiza que en Santiago de Compostela se coñezan eses episodios históricos que transcorreron en diversos puntos da propia cidade para crear ese sentimento colectivo de pertenza a un pobo diferenciado que daquela loitaba con esa expresión do Provincialismo de que Galiza é unha unidade enteira, mais que estaba a ser tratada como unha colonia pola Corte e que tiña que reivindicarse contra as discriminacións que padecía, como defendeu o propio Antolín Faraldo.