INICIO DE CURSO POLÍTICO

Goretti Sanmartín reclama neste inicio de curso que se inicien dunha vez os proxectos incluídos nos Orzamentos 2022 e nos remanentes

Goretti Sanmartín Rei, na sala de prensa do pazo de Raxoi
Goretti Sanmartín Rei, na sala de prensa do pazo de Raxoi

Urxe a cambiar “o xeito caducado de facer política” do alcalde, con numerosos incumprimentos de acordos plenarios e de promesas coa veciñanza

Goretti Sanmartín reclama neste inicio de curso que se inicien dunha vez os proxectos incluídos nos Orzamentos 2022 e nos remanentes

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2022.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín destacou no inicio de curso político que “fronte ao panorama desolador que deixa o Goberno local do PSOE, desde o BNG seguimos firmes en darlle a volta a ese xeito caducado de facer política e apostamos polo diálogo, polo consenso e por facer realidade as peticións e necesidades da veciñanza e das asociacións sociais, culturais e deportivas”. Ao inicio da comparecencia expresou de novo a solidariedade e enviou forza á familia e amizades de Jorge Corbacho Mauricio, así como a todos e cada un dos membros do corpo de bombeiros.

Para este inicio de curso político, Goretti Sanmartín avanzou que o BNG vai reclamar que se poñan en marcha os proxectos incluídos nos Orzamentos e no reparto de remanentes de tesouraría. Así, lembrou que están pendentes a creación da sala de usos múltiples da Rocha, o parque do Avío, as obras de reurbanización de Mallou, a actuación integral en Guadalupe-A Ponderosa, a seguinte fase dos Basquiños na Pastoriza, as obras de accesibilidade de Vista Alegre, as obras de seguranza viaria na Gracia, a posta en funcionamento do centro de asesoramento LGBT, o novo parque de skate en Conxo, a convocatoria de liñas de axuda para ONG e Cooperación, e o estudo de accesibilidade e humanización da rúa Bispo Teodomiro e do Barrio da Estila e Avenida de Salamanca.

“Existen as partidas, teñen cartos, mais imos polo camiño de chegar a fin de ano coa maioría das accións sen executar e a estas cuestións únense diversas actuación nos barrios de Sar e Conxo xunto co proxecto de humanización do Restollal, a sinaléctica informativa da toponimia do ámbito rural”, indicou. A tres meses de concluír 2022 non comezou ningunha destas actuacións. “É máis, o desenvolvemento de obras parciais de mantemento en Sar parece dar a entender que non van realizar a obra incluída nos remanentes que implicaba a continuidade da seguinte fase da obra de Castrón Douro a Sar, a pesar de o BNG conseguir incluíla na negociación, mais de momento nada está en marcha”, engadiu.

Abstencionismo e falta de execución

Logo de tres anos de Alcaldía do PSOE, en que se perderon oportunidades para facer avanzar Santiago de Compostela, comeza a recta final deste mandato municipal caracterizado pola abstención permanente do grupo de Goberno nos temas que trasladamos ao Pleno con propostas e necesidades do asociacionismo veciñal, social, cultural e deportivo.

“Podiamos pensar que só non executan aquilo no que se absteñen, mais tamén o fan no que apoian, e aí temos o que está a acontecer coa proposta de instar á Xunta para crear unha taxa turística, aprobada hai case un ano no pleno da Corporación, coa de pór en marcha un centro de información e asesoramento LGBT ou coa de lle dedicar a Antolín Faraldo, de quen hoxe se cumpren 200 anos do nacemento, unha serie de actividades”, indicou.

Así, “con este Goberno do PSOE perdemos a oportunidade de contar cunha taxa turística e de incrementar os fondos para o Estatuto da Capitalidade e para o Consorcio, por teimosía do alcalde na súa submisión ao Goberno da Xunta”, explicou.

Promesas incumpridas

“Perdemos a oportunidade de pór en marcha a urbanización da parcela do Peleteiro, que Bugallo se comprometera a resolver en tres meses, mais tampouco irá ao Pleno do 8 de setembro como estaba previsto”, sinalou. Tamén se referiu a que no programa electoral do PSOE falaba de colaborar coa Xunta para realizar o saneamento e abastecemento do rural, “mais sobre isto nin palabra nas xuntanzas”.

As consecuencias de non tramitar os acordos plenarios vímolas recentemente co proxecto publicado no DOG para instalar unha liña de alta tensión no espazo natural do Souto, cun trazado proposto que se podería evitar se xa estivese declarado ENIL (Espazo natural de interese local). Puxo outro exemplo, cando Bugallo actuou pola súa conta coa intención de instalar unha estación loxística de transporte de mercadorías en Mallou, até que apreciou a negativa da veciñanza e dos demais grupos políticos a facela nese emprazamento. Foi outra perda de tempo por non saber escoitar, dialogar nin xestionar.

Servizos municipais sen contrato

Prosegue a ter servizos municipais sen contrato ou cos contratos caducados. Os que xa puxo en marcha como o da recollida de residuos, adxudicado á mesma empresa, segue igual ou peor. “O contrato do transporte público segue sen licitarse e o prego dos comedores non recolle as demandas das ANPA e chega tarde, pois dentro duns días comezará o curso e terá un servizo en precario, pois xa ninguén dubida, despois destes tres anos, da falta de axilidade na xestión do Goberno de Bugallo”, indicou.

“E ao respecto da xestión integral do ciclo da auga, o PSOE impide que se tome ningunha decisión ao respecto de cal debe ser o modelo despois de realizar os informes pertinentes nunha comisión de carácter técnico-político que non quixo que funcionase e pretende en tempo xa de desconto que digamos ‘si, bwana’ a que a única opción posíbel  é a forma de xestión indirecta”, advertiu. Lembrou que isto se produce nun contexto en que diferentes asociacións veciñais solicitaron partillar este debate, coñecer os estudos e poder participar dunha decisión que pode condicionar o Concello durante décadas, por 25 anos e 400 millóns de euros sen poder participar nun debate do modelo de xestión.

Colapso por obras

Tivo a cidade colapsada por obras con constantes modificacións de proxectos, como as dos Concheiros, cun resultado francamente mellorábel e existe unha demora importante nas obras no Hórreo, que están a prexudicar tanto á veciñanza como ao comercio local, e onde mentres o concelleiro de Obras di que se deben retirar os valados e dar por concluídas a agardar polos semáforos, o alcalde sostén que non se pode facer iso até o remate definitivo, despois dun proxecto que presenta problemas claros de seguranza viaria. Mais, mentres tanto, ese cruzamento continúa pondo en perigo a poboación día si e día non.

Priorización do turismo e asociacións e provedores sen cobrar

“Outra das queixas comúns que recibimos é que este Goberno do PSOE prioriza as actuacións destinadas ao turismo fronte as necesidades básicas da veciñanza, tanto no rural como na zona urbana”, explicou. Profesionais da cultura que non cobraron axudas, asociacións sociais e deportivas pendentes de cobrar subvencións, persoas que seguen a agardar por licenzas para instalar un negocio e provedores que cobran en até 100 días en vez dos 30 que marca a normativa. “Ese é o panorama deserto que nos deixan as políticas de Bugallo: todo para o turista e case nada para a veciñanza”, indicou Goretti Sanmartín.

Submisión á Xunta

A portavoz do BNG referiuse ademais á actitude de submisión á Xunta de Galiza, pois á espera da xuntanza entre o alcalde e o presidente da Xunta, están enriba da mesa temas como o da taxa turística, unha cuestión en que é difícil saber se o alcalde “practica a hipocrisía ou o electoralismo”, a necesidade de vivenda de protección pública e darlle unha resposta ao problema da vivenda baleira en Compostela, a demanda dun centro de día para As Fontiñas, do Conservatorio de danza para Compostela,    a ampliación do Conservatorio de Música e o novo centro da Escola Oficial de Idiomas.  Mais, sobre todo, falta que o alcalde se plante para esixir que se cumpra o Estatuto da Capitalidade e que tanto a Xunta como o Estado cumpran co Consorcio e este poida ser o instrumento para devolverlle a vida á cidade histórica.

“Cando falamos do Goberno do Estado tamén insistimos en que se negocie para conseguir que a construción dunha infraestrutura vital para Compostela como o Orbitaliño se faga respectando o núcleo de Formarís e as peticións da súa veciñanza e en que se remate coa discriminación sobre a Galiza, agora no respecto das autoestradas ferroviarias de mercadorías que, polos plans do PSOE estatal, eliminarían a posibilidade de conseguirmos a estación de mercadorías da Sionlla, unha vella reivindicación que supón unha proposta estratéxica para un gran polígono loxístico e a industrialización de Santiago”, explicou.

Así, concluíu que se trata dun goberno “esgotado”, “dividido” e “que non cumpre coa veciñanza”, case sen tempo para xestionar e dedicarse a realizar os acordos en vez de estar sempre “en disposición de crear cortinas de fume publicitarias e falar por falar”.

 

 

 

 

 

 

Goretti Sanmartín reclama neste inicio de curso que se inicien dunha vez os proxectos incluídos nos Orzamentos 2022 e nos remanentes