INFRAESTRUTURAS

O BNG traslada ao Pleno a petición de incluír Santiago na rede ferroviaria de mercadorías que deseña o Goberno do Estado

Goretti Sanmartín (BNG)
Goretti Sanmartín (BNG)

“Este é o momento de actuar; de perdermos esta oportunidade, o futuro empresarial de Compostela quedará discriminado”, advirte Goretti Sanmartín

O BNG traslada ao Pleno a petición de incluír Santiago na rede ferroviaria de mercadorías que deseña o Goberno do Estado

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2022.-  A portavoz municipal Goretti Sanmartín anunciou que o BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno para que a Corporación municipal se una co obxectivo de reclamarlle ao Goberno do Estado que inclúa Galiza no novo trazado ferroviario de mercadorías co fin de favorecer, entre outros, o tecido industrial e empresarial de Santiago e a creación da estación de mercadorías da Sionlla. “Este é o momento de actuar con visión de gran cidade; de perdermos esta oportunidade, o futuro empresarial de Santiago de Compostela quedará discriminado e relegado a intereses políticos do PSOE noutras comunidades”, explicou Goretti Sanmartín.

O Goberno do Estado presentou o documento “Mercancías 30” que recolle a proposta do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) para desenvolver o mapa de autoestradas ferroviarias para mercadorías. O obxectivo desta iniciativa é potenciar o transporte das mercadorías en contedores e remolques mediante unha rede ferroviaria interna para favorecer a intermodalidade entre portos, estradas e camiños de ferro. Porén, nese documento, o Executivo de PSOE-UP dálle prioridade ao eixo mediterráneo e á conexión con Portugal a través de Salamanca, ademais de concibir o mapa de liñas cunha visión centralista, posto que a maior parte do tráfico de mercadorías pasará por Madrid.

Segundo explicou Goretti Sanmartín, o BNG conseguiu incluír Galiza no trazado TEN-T (Trans European Network) da rede básica de corredores europeos de transporte de mercadorías por ferrocarril, unha infraestrutura que debe ser executada antes de 2030, mediante iniciativas no Parlamento Europeo e na Unión Europea pola súa consideración de importancia estratéxica para a economía galega.

“Para o BNG é unha incoherencia a decisión do Goberno do Estado de excluír Galiza do mapa de autoestradas ferroviarias de mercadorías”, explicou, “xa que nos Orzamentos de 2022 figuran partidas por importe de 275 millóns de euros na Galiza para o desenvolvemento desta rede TEN-T”.

A isto súmase o agravio que supón a intención de poñer peaxes nas autovías, o que pode afectar de xeito moi negativo ao transporte de mercadorías por estrada para empresas de Santiago de Compostela e á propia supervivencia de empresas galegas, dobremente discriminadas ao negarlles a posibilidade de realizaren eses desprazamentos de produtos por ferrocarril.

 

O BNG traslada ao Pleno a petición de incluír Santiago na rede ferroviaria de mercadorías que deseña o Goberno do Estado