OBRAS
O BNG reclama que se reinicien as obras de Viaqua na Almáciga e retiren os valados que dificultan o paso da veciñanza
Os valados situados nas escaleiras non permiten o uso do pasamáns e reducen o espazo de subida e baixada
Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2022.- O grupo municipal do BNG reclama que se axilicen as obras de Viaqua na Almáciga, que levan meses paralizadas, e procedan á retirada dos valados situados nas escaleiras, xa que dificultan o tránsito das persoas residentes.
O grupo municipal do BNG recibiu queixas da veciñanza da Almáciga por mor da interrupción das obras da empresa concesionaria de abastecemento de auga neste barrio. Sinalan que os valados situados nas escaleiras non permiten o uso do pasamáns e reducen o espazo de subida e baixada, o que supón un obstáculo para a veciñanza e agrava as dificultades para as persoas con problemas de mobilidade.
Deste xeito, o BNG demándalle ao Goberno local do PSOE que realice un seguimento destas e doutras obras para que conclúan canto antes e se poidan retirar os valados de protección, ademais da adecuación da zona axardinada e do muro en que se actuou, para mellorar a súa estética e funcionalidade.