AXENDA URBANA

O BNG prosegue coas achegas á Axenda urbana 2030 para apostar pola perspectiva de que Santiago cumpra o seu papel de capital de Galiza

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Esta axenda recolle propostas do BNG como conseguir maior financiamento para o Consorcio e a aposta para comprar e rehabilitar baixos e vivendas para contribuír a fixar poboación na cidade histórica

O BNG prosegue coas achegas á Axenda urbana 2030 para apostar pola perspectiva de que Santiago cumpra o seu papel de capital de Galiza

Santiago de Compostela, 8 de setembro de 2022.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, realizou unha listaxe de achegas ao documento do Plan de acción da Axenda urbana 2030 de Santiago de Compostela, “elaborado cunha visión que non aproveita as posibilidades de identificar Santiago como a capital da Galiza e de a referenciar como un motor de vangarda do proxecto de País”.

“O texto que se presentou é o resultado dunha serie de debates e procesos de escoita en que desde o BNG participamos con intensidade e dedicación”, explicou, “mais non todo o que propuxemos se viu reflectido e tampouco concordamos con todo o que se recolle”. Así, engadiu que este non sería o documento de Axenda urbana 2030 que proporía o BNG, pois é evidente que no recollido no cronograma faltan achegas que si estaban consensuadas previamente e que esperamos que se incorporen ao texto definitivo que se someterá á consideración do Pleno o próximo 12 de setembro.

En canto á non aproveitar as posibilidades de Santiago como capital de Galiza, puxo como exemplos a cita de que “debe converterse no centro catalizador da produción cultural no noroeste peninsular”, fuxindo de incorporar que este papel ten que telo primeiro na Galiza, cunha especial vontade de exhibir a potente creatividade cultural do País. O mesmo acontece cando non se recolle a aposta polo turismo interno: local, comarcal e galego, pois só o que se coñece pode valorarse e coidarse.

“As nosas apostas por unha cidade accesíbel e humanizada non coinciden exactamente coa visión que se ofrece no documento, mais varias das iniciativas que se sinalan xulgamos que son transcendentais”, indicou.

Outra das carencias é que non inclúe a planta de compostaxe comarcal como estratexia para conseguir que se cumpran os catro R nin mete como accións concretas no cronograma que se desenvolve con posterioridade “actuacións descritas no documento oficial propostas polo BNG como o Museo da Fotografía ou o dos Títeres, que esperamos converter en realidade”. Lembrou que o BNG foi quen impulsou que se citase de maneira explícita a aposta por unha escola de estudos superiores de Danza.

No lado positivo, recolle propostas achegadas polo BNG como a necesidade de conseguir maior financiamento para o Consorcio, o que significa que o Goberno local ten que ser proactivo e conseguir que Xunta e Estado se impliquen, e a aposta deste organismo para comprar e rehabilitar baixos e vivendas para contribuír a fixar poboación na cidade histórica. Inclúe tamén unha aposta fundamental pola interxeracionalidade, a creación de centros de día para maiores, un novo mapa escolar para as próximas décadas e un modelo de comedores escolares de quilómetro cero que coadxuve a termos un rural produtivo, todas elas ideas defendidas, non só, mais tamén de maneira moi intensa polo BNG.

En definitiva, o BNG trasladou estas propostas e espera que se inclúan no texto definitivo que se someterá a consideración do Pleno como vía de traballo para os próximos anos.

O BNG prosegue coas achegas á Axenda urbana 2030 para apostar pola perspectiva de que Santiago cumpra o seu papel de capital de Galiza