AXUDAS MUNICIPAIS

O BNG insta á revisión dos prazos de convocatorias de axudas municipais para favorecer a programación das asociacións e comisións de festas

Pazo de Raxoi
Pazo de Raxoi

As subvencións para as comisións de festas pódense pedir até o 10 de outubro e deben xustificar os gastos antes do 15 dese mes

O BNG insta á revisión dos prazos de convocatorias de axudas municipais para favorecer a programación das asociacións e comisións de festas

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2022.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, propón que se revisen os prazos das convocatorias de axudas municipais, tanto o de solicitude como o da xustificación.

Así, explicou que hoxe sae no Boletín Oficial da Provincia (BOP) unha convocatoria de axudas para festas patronais en 2022 “nun momento en que xa é moi tarde”. “A 9 de setembro moitas festas xa se celebraron, houbo que programalas e orzar cantidades para a organización destas actividades, sen saber se ían contar ou non cunha cantidade económica procedente das axudas municipais”.

Así, indicou que o prazo de solicitude destas axudas é até o 10 de outubro e o de xustificación conclúe o 15 de outubro, un período de tempo moi breve.

“Esas convocatorias que teñen carácter anual hai que adiantalas no tempo, cunha previsión e planificación de tal maneira que non se someta ás asociacións e comisións de festas, neste caso, a andar a correr para presentar a documentación en tempo e forma”, explicou.

Ademais, lembrou que hai “aínda convocatorias importantes este ano que non saíron”, algúns compromisos do propio Goberno municipal como a de axudas para ONGD e para cooperación, “que igual a publican dentro dun mes e dan 5 días para xustificar”, puxo como exemplo. “Trátase dun esquema que non serve, que se debe mudar e xestionar doutra maneira”, sinalou, “pois estas convocatorias anuais deben ter prazos regulares coñecidos de antemán”.

O BNG insta á revisión dos prazos de convocatorias de axudas municipais para favorecer a programación das asociacións e comisións de festas