SANIDADE
O BNG lembra que o Pleno acordou hai 2 anos elaborar unha campaña de prevención do suicidio que non se puxo en marcha
A concelleira Navia Rivas destaca que esta é a terceira causa da mortalidade de mulleres en Compostela
Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2022.- O BNG conseguiu aprobar en novembro de 2020 unha proposición para elaborar unha campaña de prevención do suicidio, que é a terceira causa de mortalidade de mulleres en Compostela, xunto cun Programa de Intervención Intensiva da Conduta Suicida na área de Santiago de Compostela, por parte da Xunta, para contar cun equipo específico de persoal sanitario e cos recursos económicos necesarios neste ámbito. Porén, 2 anos despois e coincidindo co Día mundial da prevención do suicidio, a concelleira Navia Rivas lembra que non se puxeron en marcha estas medidas.
Nos datos do “Atlas de Mortalidade” para Compostela, documento que tamén se manexa no Consello Municipal de Saúde, obsérvase que o suicidio en mulleres é a terceira causa de mortalidade, mentres que en homes é a 13ª, polo que tamén se pon de manifesto unha alta feminización do suicidio na área de Santiago de Compostela.
Daquela, a concelleira Navia Rivas, xa advertía que tendo en conta as circunstancias socioeconómicas no contexto da pandemia da COVID-19, ante un previsible aumento de problemas de saúde mental no noso país e tamén do número de suicidios derivados das dificultades económicas, era necesario adoptar medidas urxentes de cara á prevención deste tipo de condutas de autolesións que mesmo poden acabar coa vida das persoas.
Deste xeito, o BNG segue a reclamar a creación dunha unidade específica de prevención do suicidio e atención a persoas con condutas suicidas ou de autolesión, así como a elaboración de campañas de concienciación sobre esta problemática, co fin de que exista unha atención sanitaria máis eficaz.