CONTRATACIÓN

Goretti Sanmartín: “A falta de licitación de obra no primeiro semestre de 2022 dá conta da pésima xestión do PSOE na capital de Galiza”

orzamentos
orzamentos
“A xente está farta de ver como transcorre o tempo e as obras non son unha realidade”, indica a portavoz municipal do BNG
Goretti Sanmartín: “A falta de licitación de obra no primeiro semestre de 2022 dá conta da pésima xestión do PSOE na capital de Galiza”

Santiago de Compostela, 11 de setembro de 2022.- “O BNG considera escandalosa a importante baixada en investimento público en todo o que se refire á licitación de obras por parte do Concello de Santiago no primeiro semestre de 2022”, advertiu Goretti Sanmartín, portavoz municipal. “Unicamente 1 millón de euros en investimento realizado cunha variación con respecto ao ano anterior dun 80%”, engadiu. “Esa falta de licitación é unha mala noticia para Santiago de Compostela e dá conta dunha pésima xestión do Goberno local do PSOE na capital de Galiza”, sinalou.

O alcalde xustifica ese descenso en comparación con outros concellos que investiron máis por intereses electoralistas “o que dá boa conta de que é o único criterio que lle ronda na cabeza, cando o que lle debería preocupar é que un concello cabeceira de comarca, como Santiago de Compostela, só sexa capaz de licitar unha cantidade tan pequena”, cando ten 15 millóns pendentes. Iso ten que ver, realmente, con non presentar en tempo os orzamentos, coa demora na licitación das obras e con que non se executen no exercicio previsto.

“A xente está farta de desculpas de mal pagador, dunha persoa que leva demostrado nestes anos a incapacidade de xestión e a ineficacia”, indicou. Cando se inviste todo xunto a finais de ano, logo non dá tempo a facer esas obras e queda todo postergado.

“Ademais, o alcalde recoñece que non van ser capaces de facelas antes das eleccións, mais o problema é que non foron capaces de facelas ano tras ano e que a xente está farta de ver como transcorre o tempo e as obras non son unha realidade”, explicou a portavoz do grupo municipal do BNG.


 


 


 

Goretti Sanmartín: “A falta de licitación de obra no primeiro semestre de 2022 dá conta da pésima xestión do PSOE na capital de Galiza”