PLENO
O BNG apoia a regulación de vivendas de uso turístico para rematar coa inseguranza xurídica
Unha cifra de 900 vivendas de uso turístico é inasumíbel para unha cidade do tamaño de Santiago que expulsa familias e estudantes a vivir en concellos limítrofes
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022.- O BNG votou a favor no Pleno extraordinario de regular as vivendas de uso turístico para rematar cunha etapa caracterizada por unha falta de responsabilidade das administracións e de definición do modelo turístico. “Prefeririamos que se tivese en conta unha perspectiva social e que se puidese estabelecer un límite de VUT por persoa propietaria, porque non é o mesmo ter unha que dez, e aí destaca a falta de vontade de enfrontar este problema por parte da Xunta de Galiza”, sinalou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG.
Ademais, bota en falta “que non se aproveite esta modificación do PXOM para regular o problema da proliferación de tendas de souvenirs e pór freo á desaparición do comercio tradicional”.
Para o BNG, é evidente que hai que regular a existencia das VUT para rematar coa inseguranza causada pola Xunta de Galiza e o seu Rexistro “particular”, unha institución “que non quixo escoitar o Concello e actuou por libre”. Boa parte do comprensíbel enfado cara ao concello debera orientarse á Xunta de Galiza, a institución que ten a competencia de regular o dereito ao gozo dunha vivenda digna e axeitada, explicou Goretti Sanmartín na súa intervención.
Segundo indicou, á falta dunha política de promoción de vivendas de protección oficial por parte da Xunta xuntóuselle a falta de toma de medidas para dinamizar o importante parque de vivenda baleira de Santiago, ao que hai que unir a escaseza de recursos destinados á rehabilitación e insonorización na Cidade histórica e a falta de servizos nela. A proliferación de vivendas de uso turístico é un feito relativamente novo, que intensifica moitos problemas xa existentes con anterioridade e aos que non se lles puxo remedio. “Por tanto, desde o BNG xulgamos que as VUT non son as únicas responsábeis da falta de pisos para alugar nin da falta de poboación na zona vella”, explicou a portavoz municipal.
Unha cifra de 902 vivendas de uso turístico na cidade, con 836 localizadas de xeito inequívoco, como se constata na documentación deste punto, é unha cifra inasumíbel para unha cidade do tamaño de Santiago e unha cidade que nos últimos tempos tivo que ver como mesmo ese estudantado que tanta vida lle dá se traslada a outros concellos do arredor.
O incremento do prezo medio do alugueiro é outra realidade que non se pode obviar. Segundo os datos proporcionados polo Observatorio da Vivenda de Galiza, o prezo medio do alugueiro en Santiago de Compostela aumentou de 390,7€ en 2014 a 503,1€ en 2022, o que implica un incremento do 28,8% en oito anos.
“A partir deste momento ábrense dous meses de exposición pública en que o conxunto da poboación pode presentar alegacións e o BNG espera que o resultado deste proceso sexa unha mellora dun texto que ten como obxectivo principal favorecer o uso residencial como prioritario no conxunto da cidade”, explicou.