Goretti Sanmartín, sobre a xestión do servizo da auga: “O BNG non partilla a presunción de que un servizo concesionado funciona mellor e é máis barato”

O BNG vota en contra da proposta do PSOE que prevía un contrato de 450 millóns de euros cunha duración do servizo por 25 anos
Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2022.- O BNG rexeitou a proposta do PSOE sobre a forma de xestión do servizo do ciclo integral da auga en Santiago de Compostela, que non saíu aprobada e prevía un contrato de 450 millóns de euros cunha duración de 25 anos máis prórrogas.
O BNG non partilla a presunción de que un servizo concesionado funciona mellor e é máis barato, tamén é consciente das trabas legais existentes na actualidade para recuperar servizos para a xestión directa, a comezar pola taxa de reposición. Con todo, xulga que o menos que pode facer un concello é analizar con calma, rigor, transparencia e participación as opcións posíbeis.
Segundo explicou Goretti Sanmartín no Pleno, o BNG súmase ás voces que reclaman unha auditoría externa imparcial sobre a xestión da auga en Santiago e que se teña en conta que un servizo esencial como é a auga debe ficar á marxe do enriquecemento ou a especulación. A veciñanza ten dereito a coñecer o déficit en infraestruturas neste servizo, que o propio PSOE recoñece e que sabe que pode chegar mesmo até os 100 millóns de euros, explicou.
Ademais, o PSOE creou o baleirou de contido a Comisión da auga. “O ético é escoller despois dunha análise rigorosa e de pór enriba da mesa as dúas opcións: a xestión directa e a indirecta, sopesando os puntos fortes e os débiles de cada opción”, indicou. “O goberno néganos esa posibilidade e lévanos a reunións trampa, con ordes do día que pretenden distraernos con detalles que non son menores”, mais elude analizar, en caso de apostar pola concesión, as garantías de subrogación de traballadoras e traballadores e o mantemento das súas condicións laborais, como defende o BNG.
Por outra parte, son varias as asociacións veciñais que reclamaron un debate sereno sobre este servizo e o seu modelo de xestión. “A un ano da fin do mandato é imposíbel que se adxudique este contrato, o PSOE só pretende vitimizarse e converter a oposición en responsábel da súa ineficacia e da súa negativa ao funcionamento dunha Comisión de estudo de xestión integral da auga”, indicou Goretti Sanmartín.