PLENO

O BNG reclama a restitución de paradas dos autobuses en Conxo, a instalación dunha marquesiña e melloras de accesibilidade

Coa veciñanza afectada pola supresión da parada de autobús en Conxo
Coa veciñanza afectada pola supresión da parada de autobús en Conxo

Goretti Sanmartín reuniuse coa veciñanza afectada polos cambios producidos cando Mombús asumiu este servizo

O BNG reclama a restitución de paradas dos autobuses en Conxo, a instalación dunha marquesiña e melloras de accesibilidade

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2022.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro coa veciñanza da zona da rúa do Porto de Conxo, afectada polos cambios introducidos pola empresa Monbús no servizo de transporte público que suprimiu paradas de autobús.

A veciñanza que usaba o servizo de Autobuses de Calo, que agora presta a empresa Monbús, viuse afectada pola supresión de paradas xusto antes do linde co Milladoiro. Así, reclaman a restitución das paradas que antes existían, porque agora teñen que se desprazar a medio quilómetro para coller o autobús e mais a instalación dunha marquesiña, explicou Goretti Sanmartín.

Ademais, advirten do empeoramento da calidade do servizo de transporte público derivado dun problema de accesibilidade, pois o de Monbús non ten plataforma baixa, chanzo ou rampla para facilitar a subida e baixada do vehículo, cuestións que repercuten na falta de consideración para as persoas maiores que maioritariamente utilizaban a diario este autobús para achegárense ao centro urbano de Santiago de Compostela.

Deste xeito, o BNG realizou unha pregunta para coñecer se o Goberno local ten previsto realizar as xestións necesarias para restituír as paradas de autobús que dan servizo á zona da rúa do Porto de Conxo, instalar unha marquesiña e velar polo cumprimento das facilidades de accesibilidade para as persoas maiores poderen seguir a usar o transporte público.

O BNG reclama a restitución de paradas dos autobuses en Conxo, a instalación dunha marquesiña e melloras de accesibilidade