PLENO
O BNG propón melloras nos espazos e servizos públicos do Castiñeiriño
A veciñanza reclama ampliar o parque infantil situado entre as rúas José Antonio Souto Paz e Alejandro Pérez Lugín ante o crecemento poboacional da zona
Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2022.- O BNG presentará unha moción no Pleno para a mellora dos espazos e dos servizos públicos no Castiñeiriño e para a ampliación do parque infantil situado entre as rúas José Antonio Souto Paz e Alejandro Pérez Lugín.
Segundo explicou Goretti Sanmartín, portavoz municipal do BNG, no barrio do Castiñeiriño poden realizarse, por parte do Concello, diversas actuacións de escaso custe económico e moita rendibilidade social para incrementar a calidade de vida das persoas residentes mediante os labores de mantemento dos espazos e control dos servizos públicos, que sofren un considerable desleixo nos últimos anos.
A iso súmase a necesidade de ter en conta o crecemento poboacional, a comezar coa proposta da veciñanza para ampliar o parque infantil situado entre as rúas José Antonio Souto Paz e Alejandro Pérez Lugín, á altura do número 12 desta última. Pese ao seu pequeno tamaño, pode haber entre 35 e 40 crianzas e outras tantas nais e pais, polo que o Goberno local debería ter en conta esta circunstancia para ampliar a súa superficie e dispoñer de máis elementos de xogo para favorecer o encontro sen aglomeracións nin ter que agardar.
Residuos, transporte público e control de velocidade do tráfico
Tamén aquí existe o habitual problema derivado da recollida de residuos, con papeleiras que rebordan durante unha semana sen que o servizo da empresa concesionaria pase pola zona. No SUNP-11 reclaman tamén a reposición dunha nova papeleira.
En canto ao transporte público, a demanda é relativa á falta de sincronización das liñas L6 e LA6, que adoitan circular á vez, co que deixan intervalos de agarda moi superiores ao que deberan ser as frecuencias, co que se duplica a demora no tempo. Tampouco funcionan de xeito coordinado os paneis informativos e a aplicación Máisbus. Outra eiva é o recorte de frecuencias nas fins de semana e días festivos, que deixan sen conectividade suficiente a poboación deste barrio co centro urbano.
Tamén no apartado de mobilidade, outra reclamación é a instalación de berlinesas, sinais luminosos ou de pintura para a pacificación do tráfico, que transita a unha velocidade excesiva sen respectar o que marcan os sinais na rúa Antón Vilar Ponte. Ademais, a veciñanza require a actuación da brigada de roza de vexetación en cunetas e no lavadoiro de Lamas de Abade, posto que invade este ben etnográfico.