PLENO
Apróbase a moción do BNG para mellorar os servizos básicos, a seguranza viaria e a conexión co transporte público en Verdía
Unanimidade na moción conxunta, impulsada polo BNG, para o impulso e inclusión da lingua galega no sector audiovisual ao abeiro da iniciativa Xabarín
Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021.- O grupo municipal do BNG conseguiu aprobar no Pleno de outubro unha moción para adoptar as medidas necesarias para a mellora dos servizos básicos no relativo a transporte público, abastecemento e saneamento de auga, seguranza viaria, recollida de residuos e espazos de lecer para a infancia e maiores, de acordo cos propostas da asociación veciñal de Santa Mariña de Verdía. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.
A veciñanza quedou incomunicada desde que Tussa asumiu o transporte público á parroquia de Verdía e non ofrece a liña de autobús que lle corresponde. Cómpre buscar unha solución á carencia de transporte público que lles afecta a 300 veciños e veciñas da parroquia de Verdía, co fin de que o Goberno local se comprometa a incluír, cando menos, frecuencias de ida e volta en horario de mañá e tarde para conectar co centro urbano.
Outra moción do BNG foi para instar a Xunta de Galiza á paralización da tramitación do Anteproxecto de Lei da Mellora do Ciclo Integral da Auga e á elaboración dunha planificación integral da xestión do ciclo da auga, ademais de abrir un marco de negociación con todas as entidades implicadas na xestión do ciclo da auga para a elaboración desta planificación. Este anteproxecto vai supoñer transferir unha importante carga fiscal da Xunta en relación ao ciclo da auga aos concellos, ás entidades de xestión da auga e ás usuarias domésticas, ademais de derivar nas entidades locais, concellos e deputacións, as súas obrigas e competencias. Así, o BNG instou a retirar o anteproxecto do Ciclo da Auga porque supón un novo atraco para concellos e persoas usuarias e avogou por un diálogo cos axentes implicados co fin de acordar unha Estratexia Galega da Auga para a presente década. Aprobouse esta moción sobre o ciclo da auga cos votos de BNG, PSOE e CA; o PP votou en contra.
O BNG tamén trasladou un rogo para que o Goberno local demande da Xunta a asignación do profesorado necesario para os CEIP de Monte dos Postes e das Fontiñas co fin de manter a calidade do servizo público educativo Santiago de Compostela. Esta situación de recorte de profesorado provoca a preocupación de que 900 nenos e nenas compartan docentes entre un centro e outro co risco que supón para a prevención da pandemia da covid-19. Na actualidade vense afectadas tres prazas dun titor, de Audición e Linguaxe, Pedagoxía Terapéutica, para o que requiren a asignación de docentes a tempo completo e que se respecten as características destas prazas tal como aparecen nos catálogos destes centros de ensino.
Outro rogo foi para arranxar as fochancas da avenida de Ferrol, unha obra que foi realizada após presentar publicamente o BNG esta iniciativa. Esa falta de mantemento e de conservación nas rúas e beirarrúas pode provocar risco de caídas para as numerosas persoas que transitan a diario pola zona, ademais da dificultade engadida que supón para aquelas que van con carriños de bebé ou cadeiras de rodas.
Mediante unha pregunta oral, o BNG reclamou que o Goberno local atenda a petición veciñal para dotar de liña de autobús urbano e marquesiñas en boas condicións á parroquia de Busto, para dar servizo ás máis de 200 persoas residentes nesta parroquia que teñen complicacións para poder desprazarse para realizaren xestións coa administración, ir ao centro de saúde, aos centros de traballo ou de compras, por citar algúns exemplos.
Tamén reclamou unha solución para os problemas de accesibilidade no transporte urbano, xa que a flota de autobuses de Santiago non está ben adaptada, unha cuestión que deberá ser incluída no prego do novo concurso. A iso súmase o feito de que, supostamente, os/as condutores/as teñan indicacións de que non poden erguerse para axudar a instalar estas rampas de accesibilidade. Son numerosas as queixas recibidas pola necesidade de que as persoas con mobilidade reducida que utilizan cadeira de rodas deban ir acompañadas para abrir a rampa do autobús se queren utilizar este medio de transporte, de aí que cómpre adoptar unha solución para que poidan dispoñer de autonomía e que este servizo público sexa universal.