PLENO

O BNG consegue o compromiso para duplicar as partidas de igualdade e incluír o impacto de xénero nos Orzamentos de 2023

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Aprobouse unha proposición para o pagamento de impostos en 9 mensualidades, con novas bonificacións en material social, enerxías renovábeis e pola falta de servizos básicos no rural

O BNG consegue o compromiso para duplicar as partidas de igualdade e incluír o impacto de xénero nos Orzamentos de 2023

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021.-  O grupo municipal do BNG conseguiu aprobar por unanimidade unha moción para facer unha campaña contra as violencias de xénero na adolescencia, ademais de duplicar as partidas destinadas ao fomento da igualdade, incluír o impacto e perspectiva de xénero nos Orzamentos de 2023 e colaborar cos colectivos feministas na organización dos actos do 25N.

Deste xeito, o Goberno local comprometeuse a incluír nos Orzamentos de 2023 medidas con perspectiva e impacto de xénero en cada área, co obxectivo de reestruturar ingresos e gastos para promover a igualdade na prestación de servizos públicos municipais, ademais de duplicar as partidas existentes na actualidade.

O BNG conseguiu tamén aprobar unha proposición cun acordo transaccionado para actualizar as ordenanzas fiscais de 2022 e incluír o pagamento de impostos á carta en 9 mensualidades, novas bonificacións e exencións fiscais en materia social e de promoción de enerxías renovábeis e incluír novas bonificacións por ausencia de servizos básicos no rural, ademais de proceder a realizar unha campaña informativa para a súa divulgación entre a veciñanza compostelá. Aprobouse cos votos a favor do BNG, PP e CA; o PSOE votou en contra.

Xa é unha reclamación histórica por parte do BNG a aplicación do pagamento fraccionado dos impostos e taxas municipais, o denominado pagamento de impostos á carta; unha medida máis de carácter social para aliviar as economías domésticas e que tamén contribúe a manter unha estabilidade de ingresos municipais con carácter mensual para afrontar mellor as tensións de tesouraría.

Outra proposición do BNG foi destinada a facer os traballos necesarios para a unificación oficial da delimitación xeográfica, o nomenclátor municipal e da Xunta e mais a sinalización toponímica de Santiago de Compostela, tanto das entidades de poboación, divisións e agrupamentos como dos lindes cos concellos próximos. Aprobouse cos votos a favor de BNG, CA e PP; o PSOE abstívose.

Con isto, quérese crear unha comisión para conseguir unha delimitación xeográfica oficial única aprobada e publicada cos topónimos oficiais correspondentes de cada lugar e parroquia, a unificación dos criterios e denominacións, e a revisión da sinalización toponímica dos lugares do ámbito municipal, moi deficiente tanto no ámbito urbano como no rural.

Ademais, o BNG pediu unha solicitude de comparecencia da concelleira de Cultura para dar explicacións dos problemas derivados dos prazos das axudas para o sector cultural profesional e de asociacións. O feito de resolver a mediados de outubro estas convocatorias cando debían xustificar os gastos antes do 24 deste mes provocou que tanto profesionais como asociacións tivesen que asumir o risco de emprender a programación prevista e adiantar os cartos sen saberen se ían contar coa achega municipal ou ter que desistir desta.

Na interpelación sobre comedores escolares, o BNG reclamou información sobre a planificación, en diálogo coa FANPA, para incluír no prego de contrato un novo de modelo de comedores escolares condicións que aposten pola alimentación saudábel, os produtos de proximidade, a garantía do acceso universal, a experiencia piloto da cociña no propio centro, a fragmentación por lotes especializados e o pagamento por anticipado.

En xaneiro de 2022 expira a prórroga máxima do contrato dos comedores escolares, un contrato que concluíu en xaneiro de 2021, de aí que é necesario estabelecer unha planificación e redactar o novo prego de licitación deste concurso de acordo coas peticións da comunidade educativa ten que ser unha prioridade política máxima para mellorar a súa calidade.

O BNG consegue o compromiso para duplicar as partidas de igualdade e incluír o impacto de xénero nos Orzamentos de 2023