PLENO

Navia Rivas propón unha campaña dirixida á adolescencia neste 25N e que os Orzamentos municipais inclúan o impacto e xénero

Navia Rivas, concelleira do BNG
Navia Rivas, concelleira do BNG

Reclama triplicar os fondos destinados á prevención da violencia e ao fomento da igualdade

Navia Rivas propón unha campaña dirixida á adolescencia neste 25N e que os Orzamentos municipais inclúan o impacto e xénero

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021.- A concelleira do BNG Navia Rivas presentou unha iniciativa que defenderá no Pleno para facer unha campaña arredor do 25N contra as violencias de xénero na adolescencia, ademais de incrementar as partidas destinadas ao fomento da igualdade nos Orzamentos de 2022.

Na rolda de prensa explicou que diversos estudos de carácter estatal sobre o impacto das violencias de xénero na mocidade alertan da necesidade de campañas de concienciación, polos datos que ofrecen da normalización de actitudes de control e abusos físicos e emocionais, tanto presenciais como mediante as novas tecnoloxías de comunicación. Se ben estes datos fan referencia ao conxunto do Estado, institutos e aulas universitarias de Santiago de Compostela non son alleas a estas prácticas “e desde as administracións temos que facer todo o posíbel para colaborar e evitar este tipo de condutas”.

O Barómetro Xuventude e Xénero 2021 da FAD advirte de que, das persoas enquisadas, as violencias sufridas máis habituais son, entre as mulleres, revisar o móbil (21,8%), forzar una relación sexual non desexada (20,5%), controlar toda a actividade (18,2%), controlar con quen pode saír ou falar (17,2%) e insultar e humillar (16,7%). Os datos do informe “A situación da violencia contra as mulleres na adolescencia en España”, da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero tamén son alarmantes. En canto á violencia sexual na adolescencia, o 14% das rapazas afirman sentir presión por actividades sexuais, presión exercida en case todos os casos (97,4%) por un home, que normalmente provén do rapaz co que están saíndo no 55,7% dos casos.

Explicou tamén que o último estudo publicado polo Observatorio de Igualdade de Xénero de Santiago de Compostela, en que se analizan as violencias machistas na adolescencia, é de 2018 e cómpre actualizalo.

Lembrou que no Pleno de xaneiro de 2021, o BNG para que se realizase o V Plan de Igualdade de 2021-2024 que foi aprobada e de momento non se puxo en práctica o documento, nin as medidas nin a avaliación do plan anterior.

Ademais, sinalou que no acordo de Investidura do PSOE co BNG no Congreso estaba o incremento de xulgados de violencia de xénero na Galiza e, concretamente, en Santiago de Compostela. Desde o BNG imos recordar unha vez máis que este compromiso sexa unha realidade canto antes e a única forma de axilizar o caos xudicial que afecta de maneira significativa á vida de moitas mulleres que acoden á Xustiza para remataren con situacións duras de violencia.

Así, o BNG propón que o Concello de Santiago de Compostela, en colaboración coa Universidade e cos centros de ensino secundario, realice unha campaña informativa para sensibilizar sobre as violencias de xénero, coa identificación de malas prácticas de abuso físico e emocional, ademais do control e acoso exercidos de maneira presencial ou mediante as novas tecnoloxías.

Propón, así mesmo, que o Concello de Santiago de Compostela, no proceso de elaboración dos Orzamentos, inclúa medidas con perspectiva e impacto de xénero en cada área, co obxectivo de reestruturar ingresos e gastos para promover a igualdade na prestación de servizos públicos municipais e, ademais, triplique a cantidade destinada á prevención da violencia de xénero e fomento de igualdade en 2022.

Avogará tamén porque o Concello de Santiago de Compostela colabore coas organizacións feministas nas mobilizacións que se convoquen para este 25N.

 

Navia Rivas propón unha campaña dirixida á adolescencia neste 25N e que os Orzamentos municipais inclúan o impacto e xénero