PLENO

O BNG defende actualizar as ordenanzas fiscais e incluír novas bonificacións de carácter social e ambiental

Ordenanzas fiscais
Ordenanzas fiscais

Demanda unha campaña de divulgación para que máis persoas beneficiarias poidan solicitalas

O BNG defende actualizar as ordenanzas fiscais e incluír novas bonificacións de carácter social e ambiental

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021.-  O grupo municipal do BNG presentará unha iniciativa no Pleno para actualizar as ordenanzas fiscais de 2022 e incluír o pagamento de impostos á carta en 12 mensualidades, novas bonificacións e exencións fiscais en materia social e de promoción de enerxías renovábeis, ademais de proceder a realizar unha campaña informativa para a súa divulgación entre a veciñanza compostelá.

O Goberno local de Santiago está en proceso de revisión das Ordenanzas fiscais, as normas municipais que regulan os impostos do Concello e as taxas dos servizos que presta. Cada tributo require unha ordenanza que se actualiza con carácter anual en que se determina quen debe pagar, o concepto polo que debe pagar, as bases que serven para calcular a contía do imposto e a tarifa ou porcentaxe que se aplica. Ademais, as ordenanzas especifican os casos especiais que poden dispor de exencións ou bonificacións, de ser o caso.

Pese a que moitas das bonificacións e exencións destes impostos e taxas fiscais teñen carácter social e ambiental, o Concello de Santiago non realiza unha campaña de divulgación coa información e transparencia oportunas para poder chegar a máis persoas potenciais beneficiarias.

Tal é o caso das exencións nos recibos da recollida de residuos e de subministración de auga para familias monoparentais (onde cómpre cambiar a redacción das mesmas por unha linguaxe máis adecuada), das bonificacións para aquelas persoas que practican a compostaxe domiciliaria ou para a mellora da eficiencia enerxética, entre outras. Nesta última, cómpre tamén actualizar a  ordenanza do IBI no relativo ás bonificacións por instalación de enerxías renovábeis, para o que se require unha potencia de 5 quilovatios/hora por cada 100 m2 de superficie. Esta potencia é excesiva para o consumo real dunha vivenda familiar, o que fai inviábel e ficticia esa bonificación para as condicións actuais. Ademais, pódense estabelecer outras medidas complementarias como a redución ou bonificación da licenza de obra, como axuda indirecta á instalación de enerxías renovábeis.

Do mesmo xeito, xa é unha reclamación histórica por parte do BNG a aplicación do pagamento fraccionado en 12 meses dos impostos e taxas municipais, o denominado pagamento de impostos á carta; unha medida máis de carácter social para aliviar as economías domésticas e que tamén contribúe a manter unha estabilidade de ingresos municipais con carácter mensual para afrontar mellor as tensións de tesouraría.

Tamén se debe aplicar, logo dos estudos encargados polo Goberno local, o cobro polo paso de gasodutos e tendidos eléctricos pola utilización de solo de dominio público; unha cuestión aprobada polo Pleno por unanimidade en 2017 e que xa está implantada noutros municipios.

 

 

O BNG defende actualizar as ordenanzas fiscais e incluír novas bonificacións de carácter social e ambiental