SANIDADE

O BNG anima a participar na manifestación de SOS Sanidade Pública prevista para o domingo 14 de novembro en Compostela

Cartaz de SOS Salvemos a Atención Primaria -14N
Cartaz de SOS Salvemos a Atención Primaria -14N

Goretti Sanmartín reclama, máis unha vez, a convocatoria do Consello Municipal de Saúde

O BNG anima a participar na manifestación de SOS Sanidade Pública prevista para o domingo 14 de novembro en Compostela

Santiago de Compostela, 29 de outubro de 2021.-  O BNG de Santiago apoia a mobilización da Plataforma SOS Sanidade Pública convocada para o domingo 14 de novembro que sairá ás 12:00 da alameda de Compostela co lema “Salvemos a atención primaria”.

Antes da pandemia da covid-19, a atención primaria atravesaba unha profunda crise estrutural, con demoras e masificación da asistencia, como consecuencia dos recortes nos orzamentos aplicados polos sucesivos gobernos do Partido Popular. Na actualidade, os orzamentos na atención primaria apenas supoñen o 12% do orzamento sanitario total, polo que é evidente e urxente incrementalo.

A crise da pandemia por covid-19 e a súa patoloxía significaron a paralización da actividade asistencial tanto da atención primaria como da hospitalaria, por medo a que colapsase o hospital, o que determinou non só postergar a actividade asistencial preferente e crónica, senón tamén a actividade cirúrxica non urxente, co incremento das demoras, tanto en consultas como en probas complementarias, así como as listas de espera cirúrxicas. Estímase que en Galiza se paralizaron ao redor de 3.000 das intervencións cirúrxicas, 600.000 consultas e 20.000 probas diagnósticas.

Ao mesmo tempo, a administración pechou os centros de saúde e limitou o acceso aos mesmos, substituíndo a consulta presencial pola telefónica e reduciu o aforo das salas de espera obrigando os/as pacientes a agardar fóra dos centros para recibir atención.

Durante eses meses, os traballadores e as traballadoras da sanidade pública recibiron o recoñecemento e a gratitude da cidadanía ao seu labor desenvolvido en durísimas condicións. “Este recoñecemento abría a esperanza de que tras o estado da alarma sanitaria, o Sergas impulsase medidas e reformas para mellorar e fortalecer esta primeira liña asistencial, tal como demandan as sociedades científicas, axentes sociais e sindicais”, explicou Goretti Sanmartín. “Lamentabelmente, a realidade é ben distinta e a veciñanza de Santiago atopa a mesma precariedade anterior engadida a unha atención que prima consultas telefónicas sobre as presenciais e con restricións de acceso aos centros de saúde”, engadiu.

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública non van deixar que a covid-19 sirva de escudo á Xunta de Galiza onde resgardarse para non facerlles fronte aos problemas estruturais que padece a atención primaria desde hai moito tempo: precariedade laboral, falta de investimento e o recoñecemento do seu papel vertebrador dentro do sistema sanitario.

Así, o BNG reclama da Consellaría de Sanidade a implantación de forma inmediata nos centros de saúde dun protocolo anticovid-19 que estabeleza circuítos seguros de mobilidade no seu interior, salas de espera adaptadas para cumprir as actuais normas sanitarias, onde tanto profesionais como persoas usuarias gocen de seguranza.

Demanda tamén que se retomen as consultas presenciais para todas as persoas que o demanden. Limitar as consultas telefónicas ou telemáticas a unha actividade asistencial complementaria (receitas, baixas, resultados, etc.) que non discrimine as persoas maiores con dificultades para dispoñer e manexar as novas tecnoloxías.

A Xunta ten que contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal, aplicando un “Plan de Mellora da Atención Primaria” que redimensione os equipos multidisciplinares para darlle cobertura as necesidades de saúde da poboación.

Cómpre incrementar de maneira urxente o orzamento sanitario destinado a atención primaria, co obxectivo de alcanzar o 25% de xeito finalista para que non terminen noutras partidas.

Ademais, o BNG considera que son necesarios os instrumentos de participación cidadán na sanidade para que a poboación exprese a súas necesidades e poder actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde. Cómpre lembrar que o BNG xa reclamou en diversas ocasións a convocatoria do Consello Municipal de Saúde, que segue sen estar operativo pese aos problemas que hai en Santiago de Compostela nesta materia.

 

O BNG anima a participar na manifestación de SOS Sanidade Pública prevista para o domingo 14 de novembro en Compostela