PATRIMONIO

Goretti Sanmartín esixe “unha nova política e máis celeridade” para a rehabilitación de edificios emblemáticos na Cidade histórica

Pazo de Ramirás, antigo Colexio dos Irlandeses
Pazo de Ramirás, antigo Colexio dos Irlandeses

O BNG reclama unha actuación urxente ante o desprendemento producido do Pazo de Ramirás

Goretti Sanmartín esixe “unha nova política e máis celeridade” para a rehabilitación de edificios emblemáticos na Cidade histórica

Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2021.-  A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, reclamou do Goberno local “unha actuación urxente a respecto do desprendemento no Pazo de Ramirás, o antigo Colexio dos Irlandeses, unha xoia oculta que só é visitábel durante a semana do Patrimonio”. “Desde o BNG esiximos que haxa outra política e outra celeridade na xestión por parte deste Goberno municipal para a conservación de edificios históricos emblemáticos en Santiago de Compostela”, afirmou.

Ademais, cuestionou que transcorran anos e anos e se chegue tarde “para actuar sobre numerosos edificios emblemáticos que continúan un proceso de deterioración” e puxo como exemplo a Sala Iago na rúa do Vilar para recuperar a súa actividade cultural, o pazo de Fondevila nas Casas Reais, o edificio de Almacéns Olmedo na praza do Toural ou o edificio do sanatorio Señarís nos Basquiños, que son emblemáticos para a cidade e para que a xente poida visitar.

Fixo referencia tamén ao patrimonio relixioso “pechado a cal e canto”, que haxa un Rexistro de Soares “que non garanta a rehabilitación e o mantemento de edificios e que, ao final, sexa tan lento e teñan que pasar anos para que se mova algo e se realice algunha actuación de conservación como se require”.

O Goberno do PSOE-Unidas Podemos no Estado e o Goberno do PP na Xunta non cumpren as súas promesas e o alcalde desta cidade, Xosé Sánchez Bugallo, “só fai propaganda cando veñen a unha reunión do Real Padroado o 25 de xullo e anuncia unha chuvia de 281 millóns de euros para Santiago de Compostela, nin máis nin menos, mais a realidade é que estamos ante os Orzamentos do Estado e da Xunta e a cantidade consignada extraordinaria de incremento para o Consorcio da Cidade de Santiago son cero euros”.

“Así é imposíbel falar de facer transformacións importantes na Cidade histórica e o que imos encontrar son esas noticias terríbeis de como o patrimonio se vai estragando e como edificios tiñan que estar abertos e exhibilos ao público da propia cidade, de toda Galiza e de fóra con orgullo e fronte a iso están pechados e en risco de deterioración”, explicou Goretti Sanmartín.

Goretti Sanmartín esixe “unha nova política e máis celeridade” para a rehabilitación de edificios emblemáticos na Cidade histórica