PLENO
O BNG solicita un Pleno extraordinario para demandar explicacións da demora en arranxar o muro do Pombal
“Resulta inexplicábel que non se tomasen medidas a tempo cando hai informes que advirten do perigo de seguranza”, advirte Goretti Sanmartín
Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021.- O BNG solicita un Pleno extraordinario para demandar do Goberno local explicacións sobre as actuacións realizadas no muro do Pombal, tras o derrubo producido en novembro de 2019 e sobre o que tardaron 10 meses en tomar a primeira medida dunha orde de execución aos propietarios privados e que, na actualidade, está sen resolver e supón un potencial perigo de seguranza da circulación peonil e viaria.
Así, o BNG solicita esixir a máxima celeridade nos traballos de consolidación do noiro, tanto da parte pública como privada, e garantir a seguranza na circulación de peóns e vehículos na contorna. Ademais, reclama constituír unha comisión de estudo de carácter especial para que avalíe as causas da excesiva demora e a correspondente situación de risco e esixa, de ser o caso, as responsabilidades oportunas.
Goretti Sanmartín advertiu da demora tanto para solicitar das partes privadas a resolución do problema como da parte municipal, que está aínda en fase inicial para corrixir a situación de perigo existente, pese a que existen informes que determinan que existe un risco grave con falta de seguranza e que require obras de consolidación, tendo en conta que as medidas provisionais adoptadas resultan insuficientes para evitar novos desprendementos.
É necesario actuar de urxencia nun concello como Santiago de Compostela, onde se viviron situacións dramáticas polo estado dos muros e resulta inexplicábel que non se tomasen as medidas a tempo e se deixasen pasar meses e, agora xa, anos sen aplicar as correccións necesarias, cando hai enriba da mesa informes que marcan os problemas de inseguranza arredor do muro.
“Entendemos que o Goberno municipal ten que dar explicacións e dicir cal é a súa folla de ruta mais tamén todo o conxunto da poboación de Santiago de Compostela ten dereito a saber as causas de non se teren tomado as medidas a tempo, de facer os requirimentos ás persoas propietarias do muro de xeito tardío e que haxa tal dilación nestas obras que son de seguranza urxente”, indicou.
“Este Goberno demostra moi pouca responsabilidade deixándose levar por negociacións que non son explicábeis e que non xustifican a falta de intervención desde Obras, Urbanismo e Tráfico que fai que a súa maneira de actuar non responda ás necesidades urxentes que require esta obra nesta zona de Santiago de Compostela tan transitada, durante estes últimos dous anos transcorridos desde o seu derrubo”, sinalou Goretti Sanmartín.
Deste xeito, o BNG reclama xunto cos grupos do PP e de CA a convocatoria dun Pleno extraordinario para buscar unha solución urxente e estudar as causas da excesiva demora e as posíbeis responsabilidades derivadas por parte do Goberno local.