INSTITUCIONAL

O BNG considera “unha oportunidade perdida” que a reforma do salón de plenos non se amplíe para asistir a veciñanza como público

pazo de Raxoi
pazo de Raxoi

Restrínxese o acceso a 18 persoas, entre xornalistas e público, o que non favorece a transparencia das sesións plenarias

O BNG considera “unha oportunidade perdida” que a reforma do salón de plenos non se amplíe para asistir a veciñanza como público

Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2021.- O BNG quere advertir da “oportunidade perdida” ante a remodelación do salón de plenos do Pazo de Raxoi “para incluír nesa obra a necesidade de ampliar o espazo para o público”.

En palabras de Goretti Sanmartín, portavoz nacionalista en Raxoi, “unha cidade como Santiago de Compostela, capital do noso país, dispón dun salón de plenos para unicamente 18 postos para persoas, tanto do público como xornalistas, que queiran acudir e asistir ás sesións”.

“Esa é a maneira de entender a participación e a democracia por parte dun alcalde e dun goberno que non buscan alternativas para volver ter plenos presenciais”, afirmou, unha demanda do conxunto da oposición e do BNG que entende que o espazo que ocupa o salón de plenos nestes momentos non pode garantir os protocolos necesarios para realizar aí as sesións e reclama “recuperar esa presencialidade porque hai que garantir o dereito de estar no salón de plenos, unha vez superada a parte da pandemia no seu momento máis álxido e eliminada a situación de emerxencia sanitaria”.

Para o BNG hai que buscar outras alternativas que deberían de “ocupar e preocupar” o grupo de goberno para ofrecer a garantía de democracia, de transparencia e de dereitos básicos de concelleiros e de concelleiras, como tamén para garantir o dereito do conxunto da poboación a asistir e estar presente nos plenos “para poder escoitar de xeito presencial cal é o debate, os temas e as posicións que manteñen os distintos grupos municipais”.

Para Goretti Sanmartín, “esta reforma do salón de plenos, que ten aspectos necesarios, constitúe unha oportunidade perdida para ampliar o espazo para prensa e público, pois non se poden ir facendo parches unha e outra vez que logo acaban como definitivos”. “Parece que ao alcalde desta cidade non lle interesa nin a participación política nin cidadá do conxunto da poboación e que vai máis ao esquema dun alcalde en minoría que goberna como se tivese maioría absoluta e non tivese que dar explicacións a ninguén”, engadiu.

O BNG considera “unha oportunidade perdida” que a reforma do salón de plenos non se amplíe para asistir a veciñanza como público