ORZAMENTOS

O BNG ve “con bos ollos” a rectificación de Miñones para incluír unha partida extra para o Consorcio nos Orzamentos do Estado

Goretti Sanmartín
Goretti Sanmartín

Goretti Sanmartín reclama que a Xunta acepte a emenda do BNG para duplicar a cantidade, xa que “consignou cero euros logo de anunciar a chuvia de millóns”

O BNG ve “con bos ollos” a rectificación de Miñones para incluír unha partida extra para o Consorcio nos Orzamentos do Estado

Santiago de Compostela, 4 de novembro de 2021.- A portavoz municipal Goretti Sanmartín afirmou que o BNG ve “con bos ollos” a corrección do delegado do Goberno español, José Miñones, sobre as propias cifras do Executivo do PSOE “que consignaban cero euros como achega extraordinaria ao Consorcio para o ano 2022 despois de faceren unha política propagandística o 25 de xullo co Real Padroado e co anuncio dunha chuvia de millóns para Santiago de Compostela”.

O BNG foi moi crítico cos Orzamentos do Estado e da Xunta, que tampouco consignan cantidade extraordinaria, e xa presentou emendas para corrixir isto no proceso de tramitación, “porque é aí onde hai que corrixilas e non agardar a que haxa proxectos determinados porque xa están enriba da mesa, como o da Facultade de Historia, que necesita unha actuación inmediata como reclama o equipo decanal e foi aprobado en Pleno”, puxo como exemplo. “Iso é absolutamente necesario, imprescindíbel e pode comezar a facerse desde xa”, engadiu.

“O que se precisa é unha achega para facer realidade diversos proxectos, mais sempre dentro desa tramitación orzamentaria coa admisión de emendas como as do BNG”, insistiu. Non se pode practicar esa política “escurantista” cando é necesario manter un diálogo para estabelecer unhas prioridades para levar adiante esa aposta estratéxica plurianual do Consorcio, “para saber cales son as propostas que estaban enriba da mesa, os proxectos existentes e cales deben ir en primeiro lugar”.

En todo caso, sinalou, “benvida sexa a corrección e agardamos vela como unha realidade nos Orzamentos do Estado e reclamamos que tamén se inclúa unha partida extraordinaria para o Consorcio nos Orzamentos da Xunta que, insistimos, para o 2022 tanto os Orzamentos do Estado do PSOE como os da Xunta non tiñan nada consignado pese ao anuncio realizado”.

O BNG ve “con bos ollos” a rectificación de Miñones para incluír unha partida extra para o Consorcio nos Orzamentos do Estado