PLENO

O BNG reclama que se fagan efectivas as axudas para os locais dos Concheiros afectados pola pésima xestión das obras

Goretti Sanmartin e Navia Rivas en Concheiros
Goretti Sanmartin e Navia Rivas en Concheiros

Navia Rivas lembra que se aprobou unha iniciativa do BNG para crear un plan de reactivación económica en consenso coa hostalaría e comercio

O BNG reclama que se fagan efectivas as axudas para os locais dos Concheiros afectados pola pésima xestión das obras

Santiago de Compostela, 5 de novembro de 2021.- As concelleiras do BNG Goretti Sanmartín e Navia Rivas mantiveron un encontro con comerciantes, hostalaría e veciñanza dos Concheiros afectadas pola pésima planificación das obras, que repercuten de xeito negativo na economía do barrio.

“Transmitíronnos un enorme malestar polos constantes cambios, improvisacións e dificultade nos accesos que, dunha hora para outra, impiden o paso a determinadas rúas, que quedan cortadas para levar as crianzas ao colexio ou os subministros aos locais”, explicou Navia Rivas.

Ademais, anunciaron que trasladarán unha iniciativa ao Pleno para recordar que xa se aprobou unha proposición do BNG en setembro para a creación dun plan de reactivación económica para zonas afectadas por obras, en consenso cos sectores afectados como comercio e hostalaría, en concreto nos Concheiros e no Hórreo. “Imos reclamar unha partida específica nos Orzamentos de 2022 para compensar este desastre”, sinalou Goretti Sanmartín.

Estas obras dos Concheiros, que levan meses de demora e sucesivas prórrogas, sofren unha enorme descoordinación na xestión e isto xera gran malestar na veciñanza que non foi partícipe do proxecto e é contraria á substitución de pedra por formigón, ao cambio de emprazamento da fonte do cruceiro de San Pedro e á colocación de lousado nas portas das vivendas. Ademais, queda patente que a veciñanza está cansa da mala xestión do Goberno local do PSOE polo ruído, falta de aparcamento, sucidade e presenza de roedores que provocan estas obras abertas durante meses nunha zona cun número tan elevado de residentes e de paso de peregrinos/as, por ser entrada do Camiño de Santiago.

 

 

 

O BNG reclama que se fagan efectivas as axudas para os locais dos Concheiros afectados pola pésima xestión das obras