PLENO

O BNG propón que o Concello de Santiago conmemore en 2022 o bicentenario de Antolín Faraldo e lembre os Mártires de Carral

Antolín Faraldo
Antolín Faraldo

Reclama unha campaña de difusión, en colaboración coas asociacións veciñais e culturais de Santiago, que se dirixa tamén á mocidade e aos centros de ensino

O BNG propón que o Concello de Santiago conmemore en 2022 o bicentenario de Antolín Faraldo e lembre os Mártires de Carral

Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2022.- O grupo municipal do BNG trasladará unha iniciativa ao Pleno para que o Concello de Santiago conmemore en 2022 o bicentenario do nacemento de Antolín Faraldo, autor da proclama da Xunta provisional do Goberno de Galiza na Revolución Galega de 1846, que tivo como escenario a cidade de Compostela.

En 2022 cumpriranse 200 anos do nacemento de Antolín Faraldo, unha figura importante ligada á Revolución Galega de 1846 e aos Mártires de Carral. O BNG leva xa 8 anos coa organización de actos simbólicos en Santiago de Compostela sobre esa proclama de Antolín Faraldo para a constitución da Xunta Provisional do Goberno de Galiza e con ese relato, ao pé do Mosteiro de San Martiño Pinario, para dar a coñecer que serviu de escenario e de refuxio ao pobo durante esa contenda. Así, explicou que “o BNG leva tempo a reivindicar a nosa memoria colectiva como pobo porque é necesario recuperar aqueles episodios da nosa historia que se produciron para falar de sentimento galeguista, como inicio de orgullo de pertencermos a esta nación”.

“Antolín Faraldo pertence á primeira xeración de galeguistas que abrazaron a idea de concibir Galiza como un proxecto político e ese xermolo do que logo foi o Rexurdimento, as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista e o nacionalismo galego contemporáneo”, explicou Goretti Sanmartín. Esta celebración do seu bicentenario é un bo momento para recoñecer que Santiago de Compostela foi o escenario da Xunta Superior do Reino de Galiza, en que fan a proclama contra os impostos, a centralización e os abusos do poder. Ademais, Faraldo colaborou en xornais de recoñecida sona na época como “El Recreo Compostelano” e “La Situación de Galicia”, e logo foi director de “El Porvenir” e “La Europa”.

Así, Goretti Sanmartín anunciou que o BNG presentará unha iniciativa no mes de novembro para que o 2022 sirva para facer unha campaña de difusión de homenaxe aos Mártires de Carral, en colaboración coas asociacións veciñais e culturais de Santiago, que se dirixa tamén á mocidade e aos centros de ensino durante todo o ano e, sobre todo, centrada no mes de setembro coincidindo co seu aniversario.

Ademais, o BNG reclama a instalación dunha placa en homenaxe aos Mártires de Carral que recorde eses acontecementos da Revolución de 1846, pois é de xustiza que en Santiago de Compostela se coñezan eses episodios históricos para crear ese sentimento colectivo de pertenza a un pobo diferenciado que daquela loitaba con esa expresión do Provincialismo de que Galiza é unha unidade enteira, mais que estaba a ser tratada como unha colonia pola Corte e que tiña que reivindicarse contra as discriminacións que padecía.

“Este recoñecemento a Antolín Faraldo no bicentenario do seu nacemento debe ser un dos obxectivos fundamentais da política tanto cultural como da memoria histórica do Concello de Santiago de Compostela e agardamos que poida haber unanimidade nesta proposta”, sinalou Goretti Sanmartín.

 

O BNG propón que o Concello de Santiago conmemore en 2022 o bicentenario de Antolín Faraldo e lembre os Mártires de Carral