PLENO

O BNG demándalle ao alcalde que a empresa de limpeza poña os recursos humanos e materiais que figuran no contrato

Reunión co comité de Urbaser
Reunión co comité de Urbaser

En abril de 2020 fíxose unha orde de continuidade de Urbaser onde se di que ese servizo ten que prestarse nas mesmas condicións

O BNG demándalle ao alcalde que a empresa de limpeza poña os recursos humanos e materiais que figuran no contrato

Non hai un servizo de control e de inspección das empresas concesionarias e o incumprimento dos pregos é sistemático

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro co comité de empresa de Urbaser ante as  “deficientes condicións en que se presta o servizo de recollida de residuos nos últimos tempos, o que ocasiona unha falta de limpeza evidente tanto no ámbito rural como no urbano e un descontento xeral da veciñanza”, explicou. Así, o BNG trasladará ao Pleno unha iniciativa para demandarlle ao Goberno local que lle esixa á empresa que cumpra a calidade do servizo nas mesmas condicións do contrato.

“Na xuntanza co comité de empresa de Urbaser, o BNG recibiu información dos graves problemas de falta de persoal e de recursos materiais para poder desenvolver o seu traballo desde hai xa moito tempo, que se agrava na actualidade coa carencia de 21 persoas que non son cubertas pola empresa cando debería haber unha contratación inmediata; xunto con camións en mal estado, insuficientes medidas de seguranza laboral e varredoras avariadas que non poden saír, o que provoca un servizo deficiente para a veciñanza”, advertiu. Puxo como exemplo, que os contedores do rural levan sen lavar 18 meses e os da zona urbana 8 meses, un incumprimento total do estabelecido no prego do contrato.

Prodúcese un incumprimento claro do prego de condicións que está a prestar unha empresa concesionaria en precario, porque desde 2005 en que se iniciou esta prestación, transcorreron 10 anos do contrato e 5 da prórroga, “mais en abril de 2020 fíxose unha orde de continuidade da empresa onde se di que ese servizo ten que prestarse nas mesmas condicións”. Por tanto, desde o Goberno local teñen que esixir que se cumpran as condicións dos pregos para manter a calidade deste servizo e para  o persoal traballador, xunto co bo estado de recursos que necesitan como camións, varredoras e lavado de contedores para desenvolver estas funcións.

Mais a realidade é que existen “problemas de seguranza para traballadores e traballadoras, camións que van ciscando lixo cada vez que recollen un contedor, plataformas avariadas e este Goberno municipal ten a obriga de solucionar estas deficiencias”.

“A falta de limpeza e acumulación de residuos é un dos principais problemas que advirte a veciñanza en Compostela, unido a que se cobra un servizo ao rural que non se presta nas condicións debidas”, sinalou Goretti Sanmartín.

Pese a que o BNG leva anos a reclamalo, non hai un servizo de control e de inspección das empresas concesionarias e o incumprimento dos pregos é sistemático. “Este tema non se vai solucionar co novo concurso, pois os novos pregos non están á altura do que Santiago precisa e non recollen melloras vinculadas á reciclaxe e ao ecoloxismo, nin a revisión dos contedores soterrados”, explicou.

“Este Goberno municipal ten a obriga de escoitar traballadores e traballadoras e de saber as condicións deficientes en que se presta este servizo moi deteriorado nos últimos tempos”, engadiu a portavoz municipal nacionalista.

O BNG demándalle ao alcalde que a empresa de limpeza poña os recursos humanos e materiais que figuran no contrato