ORZAMENTOS

Goretti Sanmartín lémbralle ao deputado Borja Verea que a Xunta tamén participa “do engano da chuvia de millóns do Real Padroado”

Goretti Sanmartín coa foto do Real Padroado
Goretti Sanmartín coa foto do Real Padroado

Emprazouno a votar a favor das emendas do BNG aos Orzamentos da Xunta para incrementar as partidas do Consorcio de Santiago e do Estatuto de Capitalidade

Goretti Sanmartín lémbralle ao deputado Borja Verea que a Xunta tamén participa “do engano da chuvia de millóns do Real Padroado”

Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, respondeu ás declaracións do deputado do PP Borja Verea como “un auténtico caradura que se atreve a falar de que a reunión do Real Padroado foi un auténtico engano” porque de aí saíu un compromiso de 281 millóns de euros que non se ve nos Orzamentos do Estado, mais tampouco nos da Xunta.

En rolda de prensa sinalou que “é certo que houbo cinco ministros que viñeron para esa foto do Real Padroado e en días previos quentaron as redes e os medios de comunicación con esa chuvia de millóns de euros para Santiago de Compostela, mais foi un engano ao conxunto da poboación, como o BNG denunciou desde o primeiro momento”. “Lembrámoslle a este deputado que deste engano tamén participa o presidente da Xunta, pois tamén está aí Núñez Feijóo, que consigna 0 euros extraordinarios nos orzamentos de 2022 para o Real Padroado e, por tanto, para o Consorcio desta cidade”, advertiu mentres exhibiu a foto das persoas asistentes a ese encontro producido o pasado 25 de xullo.

“Hai que queixarse do Goberno do Estado, do que está facendo o PSOE en Madrid, e desde aquí de que o alcalde non lle reclame unha consignación extraordinaria para o Consorcio; mais tamén hai que reclamarlle ao Goberno do PP da Xunta que cumpra con Santiago de Compostela e que inclúa a consignación específica extraordinaria para o Consorcio, así como debería facer tamén co Estatuto de Capitalidade”, indicou. Lembrou que a Xunta leva incumprindo coa cantidade que lle corresponde a Santiago polo Estatuto de Capitalidade, cando hai estudos que determinan que a contía debería ser moito maior.

“Hai que denunciar a discriminación con Galiza por parte do Goberno do Estado e, neste caso, con Santiago de Compostela, mais tamén hai que denunciar a respecto do que está facendo o PP na Xunta”, insistiu.

Así, emprazou o deputado Borja Verea a votar a favor das emendas que o BNG vai presentar aos Orzamentos da Xunta, entre as que vai estar que se incrementen as partidas para o Consorcio de Santiago e para o Estatuto de Capitalidade, “ademais de trasladarlle aos seus compañeiros de Madrid que non fagan unha cousa nun sitio e outras noutro, que voten a favor das emendas do BNG para que haxa unha partida extraordinaria para cumprir coas necesidades do Consorcio da Cidade de Santiago”.

“Coincidimos en que foi un engano e un xesto de publicidade, de autobombo e de propaganda e nun ano Xacobeo como 2022 parece que Santiago de Compostela non vai ver absolutamente nada se iso non se remedia, por iso pedímoslle ao alcalde de Santiago que haxa un compromiso claro nos Orzamentos do Estado mais tamén agardamos que o PP faga o mesmo e traslade a necesidade aprobando as emendas do BNG a este respecto para que haxa esa cantidade necesaria e xusta para o Consorcio da Cidade de Santiago e para o Estatuto de Capitalidade”, concluíu.

Goretti Sanmartín lémbralle ao deputado Borja Verea que a Xunta tamén participa “do engano da chuvia de millóns do Real Padroado”