PLENO
O BNG reclamará no Pleno que se poña en funcionamento a Comisión especial da memoria histórica
Está pendente a retirada de numerosa simboloxía franquista e a instalación de placas no aeroporto e en Santa Isabel, en lembranza de presos republicanos
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2021.- A portavoz municipal do BNG, Goretti Sanmartín, presentou unha iniciativa que defenderá no Pleno de novembro, en formato de interpelación, para poñer en funcionamento a Comisión especial de memoria histórica, cun cronograma para a eliminación de simboloxía franquista en Santiago de Compostela e para instalar placas no aeroporto e en Santa Isabel, en lembranza dos presos republicanos.
A creación desta Comisión especial da memoria histórica aprobouse en setembro de 2019, a raíz dunha iniciativa do BNG, mais tardou máis de ano e medio en constituírse, explicou, e aínda non se incorporaron colectivos veciñais, culturais e de recuperación da memoria antifascista, profesorado de Historia da USC, explicou.
“Desde aquela estamos a agardar por facer efectivas diversas propostas que foron aprobadas para a aplicación da Lei de Memoria Histórica mais que continúan durmindo e agardando a que este Goberno local esperte e comece a realizar as xestións oportunas”, advertiu Goretti Sanmartín.
“Así, preguntaremos cando vai o Goberno local convocar a próxima reunión da Comisión especial de memoria histórica e a planificación de traballos e se ten previsto facer un cronograma para realizar as xestións oportunas para a retirada de placas e simboloxía franquista en Santiago de Compostela”, sinalou.
Tamén reclamará unha previsión para poñer unha placa nas instalacións municipais de Santa Isabel, como demanda a Plataforma de Galeras, para lembrar as persoas que estiveron na cadea durante o franquismo e polas xestións realizadas polo Goberno local con AENA para a instalación dunha placa no aeroporto de Santiago – Rosalía de Castro e unha mención na súa web para lembrar o campo de concentración franquista da Lavacolla.
Ademais, é preciso realizar, cos departamentos e asociacións correspondentes, un inventario actualizado de simboloxía franquista e nomes do rueiro que permanecen na cidade de Santiago de Compostela para trasladar á vindeira reunión da Comisión especial da memoria histórica co obxectivo de proceder á súa retirada. Un traballo que está por facer pese estar aprobado en sesión plenaria.
Nese inventario de bens onde aínda permanece simboloxía franquista en Santiago deben figurar, entre outros, un escudo existente na Facultade de Química (actualmente oculto dentro dunha caixa), na estación de ferrocarril (tras un panel do logo de ADIF) e en Correos (dentro dunha caixa); símbolos da Vitoria no claustro do mosteiro de San Martiño Pinario, no hotel do mosteiro de San Francisco e no CIFP Politécnico de Santiago; unha cruz e inscrición no mosteiro de Antealtares, unha placa do sindicato da Falanxe nas vivendas sindicais da rúa Canfranc, na Pontepedriña; así como outras en vivendas particulares nun edificio da rúa dos Concheiros e en Xeneral Pardiñas; unha placa de Víctor Muñoz, fundador da Falanxe en Compostela, e diante da igrexa de Laraño cunha placa que di o seguinte: "A los caídos por Dios y por España en la guerra de la liberación 18 julio 1936 - 1 abril 1939".